O hábito lector galego aumentou no 2024

Un informe da Xunta asegura que o 63 por cento da poboación leu libros en galego

O Informe da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sobre hábitos lectores e compra de libros en Galicia durante 2024 rexistra un aumento no número de persoas que len libros, sobre todo por lecer, e tamén son máis as que os mercan. En ambos os dous casos, a suba é por riba da media estatal. O documento recolle que o 96,7 % dos galegos e galegas maiores de 14 anos le en calquera formato ou soporte, xa sexa impreso ou dixital, polo menos unha vez ao trimestre. Este informe avaliado onte polo Consello da Xunta é o resultado de 1.200 entrevistas realizadas en 2024, das cales 1.100 foron a persoas maiores de 14 anos e as 100 restantes fixéronse a menores entre 10 e 13 anos. Segundo se recolle no documento o 63 % dos galegos e galegas asegura ler habitual ou ocasionalmente libros na nosa lingua.

O obxecto deste estudo foi coñecer a situación actual destes importantes indicadores culturais e, deste xeito, axudar a formular e avaliar futuras políticas e plans do Goberno galego para o fomento na lectura. A prensa (77,9 %) e os libros (69,9 %) son os materiais que concitan maior número de lectores. Nos dous sectores, sitúase por riba da media nacional: un 7,6 % superior no primeiro caso e case dous puntos no segundo. Dentro dos libros, os máis lidos son aqueles por lecer, xa que supoñen o 66,2 % das lecturas. Deste xeito, esta porcentaxe reflicte que a nosa Comunidade experimentou en 2024 unha suba de case cinco puntos con respecto ao ano anterior, atopándose case dous puntos por riba da media estatal. Cómpre salientar que esta cifra aumenta considerablemente entre os rapaces e rapazas de 10 a 13 anos, xa que case o 90 % asegura que o pasado ano leu libros no tempo de ocio. Con respecto ao perfil lector en Galicia, hai unha proporción maior de mulleres e, por idades, a ratio é especialmente significativa entre a poboación de 45 a 64 anos. Nesta franxa de idade, son máis do 70 % os que len no seu tempo libre.

Compramos máis libros, e nas librarías
En canto á compra de libros, o estudo constata que un 67,4 % da poboación galega mercou algún libro, de texto ou non, no último ano, o que supón case 10 publicacións por persoa. Esta porcentaxe reflicte un aumento do 3,8 % con respecto ao ano 2023 e sitúa a nosa Comunidade dos puntos por riba da media nacional. No caso dos libros non de texto, esta cifra sobe case catro puntos en 2024 ao comparala cos que se mercaron no ano anterior, cunha media de case 9 libros por persoa, e máis dun 3, 3 % superior á media do conxunto estatal. Débese engadir a poboación de 25 a 44 anos é a que máis mercou. Finalmente, o estudo tamén remarca que as librarías tradicionais seguen a manterse como o espazo principal onde os galegos e galegas (73,1 %) mercan os seus libros, seguida, pero con bastante marxe de diferenza, da compra a través de Internet (33,5 %).