Illa Bufarda preestrea o documental Altas luces

O Auditorio de Galicia acolle a proxección do filme galardoado co Premio Luísa Villalta 2024

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia, en Santiago, acolle na tarde deste 28 de marzo a preestrea do documental Altas luces. A produtora Illa Bufarda proxecta por vez primeira esta produción, coa que obtivo en 2024 un dos premios Luísa Villalta a proxectos pola igualdade que convoca a Deputación da Coruña.

O filme, de 40 minutos de duración "reflexiona sobre o acto fotográfico, a construción da mirada hexemónica e a transformación que experimentou ao longo da historia a representación do corpo das mulleres , coa perspectiva e as escollas discursivas desta disciplina", explica a produtora. "Unhas escollas que serviron para afianzar roles e estereotipos de xénero aínda vixentes hoxe en día. En definitiva, Altas luces é un ensaio que indaga nas relacións entre a arte fotográfica e a expresión do desexo desde unha ollada feminista".

A produción pretende tamén pór en valor a figura de pioneiras galegas no campo da fotografía e conta coa participación de historiadoras da arte, fotógrafas e creadoras visuais "para debullar a evolución das imaxes e da representación dos corpos, ao tempo que revelan as sombras das que, tras da cámara, se atreveron a mirar". Charo Lopes, Margarita Ledo, Fernanda Padín, Mar Caldas e as historiadoras da arte Jennifer Novoa e Sabela Fraga participan deste proxecto que conta coa voz en off da Iria Pinheiro e a banda sonora de Macarena Montesinos.

Pilar Abades, Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, directoras do filme, farán un coloquio co público participante con posterioridade á proxección, prevista para as 19:30 horas.