As axudas á tradución desdóbranse pero manteñen a contía

A separación de liñas incrementa o número de títulos que pode presentar cada editora ás convocatorias

26/3/2025 | Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:

O Diario Oficial de Galicia deste 26 de marzo recolle as convocatorias de axudas para traducir obras do galego a outras linguas e á inversa. Desta volta, a Consellería de Cultura modifica a liña de axudas e desdóbraa en dúas diferentes que, non entanto, manteñen a contía total de 200.000 euros. Deste orzamento, 150.000 destínanse a verter obras foráneas para a nosa lingua e outras 50.000 irán a versionar noutros idiomas títulos editados orixinalmente en galego.

Aínda que as dúas liñas manteñen as condicións fundamentais que xa establecían estas axudas, a súa división duplica o número de títulos que pode presentar cada empresa ás convocatorias. Deste xeito, o máximo de 15 obras que tiña en total cada editora en anteriores xeiras pasa a ser o duplo, xa que unha casa editorial galega pode optar a axudas para traer 15 obras á nosa lingua e para levar a outras linguas 15 máis.

Outras condicións, como se restrinxir a primeiras traducións ou a novas versións de obras con máis 20 anos de antigüidade ou o máximo de 5 axudas por editora para traballos de tradución que realice unha mesma persoa mantéñense nestas convocatorias.

Os criterios polos que se concederán as axudas valorarán o interese cultural da obra e a carreira da súa autora ou autor, a traxectoria profesional da persoa encargada da tradución, o feito de se tratar de obras recentes ou o pertencer a xéneros como a literatura infantil e xuvenil, a poesía, a divulgación científica ou o teatro. A contía máxima da axuda por cada obra será de 6.000 euros.

Que che parece esta nova?
55 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Tradución, Consellería de Cultura, Literatura, Poesía...