A figura de Mercedes Mariño é tan descoñecida como abraiante. "A importancia que a monfortina Mercedes Mariño González acadou no teatro, na canción e no cinema é tan fonda como o descoñecemento sobre a súa figura" explica Montse Fajardo de Mercedes Mariño (Monforte de Lemos, 1909 - Santiago de Compostela, 1995) na entrada incorporada ao Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega. Foi a primeira galega que debutou como protagonista dunha obra en Nova York, que encabezou o cartel dunha longametraxe americana ou que participou nun serial radiofónico, mais a súa sona foise diluíndo ao compás das doenzas psíquicas que a acompañaron ata a fin dos seus días, explica Montse Fajardo. Nela destácase que o traballo de investigación realizado por Xosé Enrique Acuña no marco das Xociviga, as históricas xornadas de cine e vídeo do Carballiño, permitiu recuperar a biografía desta muller. "En 1928 inicia unha xira internacional que a converte na primeira galega que protagoniza obras en Nova York" afirma a entrada sobre unha etapa na que a galega non parará de traballar. "Alí chega a actuar ata con tres compañías distintas, entre elas a de Narciso Ibáñez Menta, que será a súa parella artística en varias montaxes" apunta o texto. Con todo, Fajardo destaca que malia a intensidade hai mostras do apegada que está á súa terra natal e ofreceulle "á colectividade emigrada comedias como Airiños da miña terra, amén de axudar repetidamente a recadar fondos para as familias galegas máis necesitadas". A biografía de Mercedes Mariño continuará en radios e obras de teatro en España durante a Segunda República, nas que manifestará o seu compromiso republicano. Trala guerra, moi sinalada polo seu posicionamento, aínda participou nalgunha película e dirixiu unha compañía teatral, pero as enormes dificultades para criar unha filla soa marcarana. Ingresou no sanatorio de Conxo en 1971 e morreu en 1995, aos 86 anos. "Máis dunha vez repetiu que fóra unha estrela do panorama artístico mundial e máis dunha vez creron que deliraba. O que é difícil de crer hoxe é que unha biografía como a dela fique tan descoñecida", sinala Fajardo.