A Xunta volve incoar o procedemento para declarar BIC a cheminea das Pontes

En 2024 caducou a primeira tentativa de protexer este elemento de patrimonio industrial

En 2024 caducou a primeira tentativa de protexer este elemento de patrimonio industrial
Central térmica das Pontes e Lago das Pontes. Fonte: Wikimedia Commons.
O Diario Oficial de Galicia deste 21 de marzo recolle a incoación do expediente para declarar Ben de Interese Cultural a cheminea da central térmica das Pontes de García Rodríguez. En 2022 a Xunta de Galicia xa incoara un expediente neste sentido, que caducou logo dos dous anos preceptivos ao non se completar. O actual texto do DOG fai referencia a esa tentativa, e apunta que a mesma decaeu en 2024 pola falta dun dos dous informes preceptivos para estes procesos.

A nova proposta de declaración mantén practicamente o mesmo texto da anterior, aínda que engade o importante apoio social que conseguiu a campaña para conseguir a declaración desta construción como BIC. "Para os ponteses e pontesas a cheminea deixou de ser simplemente un elemento industrial para converterse nun símbolo da identidade local, ao representar unha era de crecemento, desenvolvemento e transformación, tanto a nivel económico como social. A cheminea é, por tanto, o referente local simbólico da importante actividade de xeración eléctrica, no panorama do Estado español, que se produciu nese lugar. Como consecuencia deste forte vencello entre a poboación da vila das Pontes e a cheminea, e perante as dúbidas sobre o seu posible futuro, en apenas catro semanas dous mil douscentos seis veciños e veciñas da localidade, tal e como consta no expediente administrativo do Servizo de Inventario, achegaron o seu apoio á declaración como ben de interese cultural galego da cheminea da central térmica das Pontes", recolle o texto.

A incidir nese apoio social, o DOG apunta tamén que a proposta conseguiu apoios "das máis relevantes institucións e personalidades do patrimonio industrial español e galego: TICCIH España, ICOMOS España, a Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero (SEDPGYM), a Associació del Museu de la Ciència, la Tècnica i l’Arqueologia Industrial de Catalunya (AMCTAIC), Pilar Biel Ibáñez, Joaquín Sabate Bel, Miguel Ángel Álvarez Areces, Xoán Carmona Badía, Carlos Nárdiz Ortiz e, entre outras, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial (BUXA)".

Outras das novidades que se inclúen no novo expediente é un apuntamento sobre posible usos do ben. Así, o texto sinala que "as posibilidades de utilización da cheminea son amplas e non ten que quedar necesariamente como un referente da paisaxe carente de calquera funcionalidade concreta e excluída da calquera actividade que poida xerar un beneficio ou retorno económico. Estímase, así mesmo, que, independentemente do uso que se lle dea á cheminea, esta posúe unha clara potencialidade como ferramenta didáctica, de interpretación do contexto histórico da «era do carbón», así como do impacto social da actividade industrial na veciñanza das Pontes de García Rodríguez e en como chegou a converterse a cheminea en parte da súa identidade local".

Tamén se incide no contexto histórico da central e a súa contribución á industrialización do noroeste de Galicia e engade que "a cheminea da central térmica das Pontes é a primeira en altura das centrais térmicas españolas debido á intensidade das emisións contaminantes que expulsaba, o que a converten nunha mostra sobranceira destas construcións". A isto engade que este ben "non só destaca pola súa magnitude e complexidade estrutural, senón que tamén representa un marco de referencia no desenvolvemento científico e tecnolóxico da súa época. Foi deseñada polas prestixiosas empresas M.W. Kellogg Limited e construída por Ekauxea, ambas as dúas mercantís líderes tecnolóxicas no seu tempo. De feito, a cheminea foi no seu día un importante catalizador para a modernización e o avance técnico no Estado español".

A nova declaración tamén actualiza os datos de conservación na cheminea, cunha inspección de 2024 que apunta que o elemento "mantén un bo estado de conservación, sen observarse danos apreciables que ameacen a súa integridade". Coa incoación do expediente, o ben fica inscrito de xeito preventivo no rexistro de Bens de Interese Cultural e conta coa protección correspondente ata completar o expediente, que conta cun prazo de dous anos.