A Consellaría de Educación porá en valor o patrimonio dos centros de ensino

O proxecto As catedrais educativas chegará a 25 espazos de todo o país

O proxecto <i>As catedrais educativas</i> chegará a 25 espazos de todo o país
Xardín do IES Fernando Blanco de Cee. Fonte: Web da Fundación Fernando Blanco
Este 19 de marzo celebrábase a xuntanza que dá inicio ao proxecto As catedrais educativas de Galicia. Esta proposta da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP pretende "poñer en valor o patrimonio histórico, arquitectónico e educativo de 25 centros de ensino senlleiros da nosa Comunidade". Como primeiras concrecións da iniciativa, desenvolverase unha exposición itinerante e unha publicación conmemorativa.

O proxecto estará coordinado polo profesor Ubaldo Rueda e conta coa participación do fotógrafo Jesús Madriñán. No mesmo reivindicarase a historia arquitectónica dos edificios que ocupan estes centros, ademais de aspectos históricos dos mesmos e a súa relación coa contorna. Ademais, destacaranse os fitos e os nomes máis relevantes da historia destes espazos históricos.

Os 25 centros seleccionáronse pola súa "historia académica, pola súa singularidade arquitectónica ou por estar entre os primeiros de Galicia en ser construídos con finalidade educativa". Deste xeito, participan da proposta o IES Fernando Blanco (Cee), Eusebio da Garda (A Coruña), Salvador de Madariaga (A Coruña), Concepción Arenal (Ferrol), Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), San Clemente (Santiago), Xelmírez I (Santiago de Compostela), Lucus Augusti (Lugo), Nosa Sra. Dos Ollos Grandes (Lugo), San Rosendo (Mondoñedo), Celanova-Celso Emilio Ferreiro (Celanova), Otero Pedrayo (Ourense), Universidade Laboral (Ourense), Escolas Proval (Nigrán), Valle-Inclán (Pontevedra), Sánchez Cantón (Pontevedra), Santa Irene (Vigo) e San Tomé de Freixeiro (Vigo)

No caso dos centros de FP foron seleccionados o Centro de Formación Profesional Universidade Laboral (A Coruña), Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), A Granxa (Ponteareas) e Manuel Antonio (Vigo). A estes súmase a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (Lugo), o Conservatorio Superior de Música de Vigo e o Centro de Educación Especial CEE Saladino Cortizo (Vigo).