
Segundo presenta a entidade, as xornadas pretenden ser "un espazo de reflexión, debate e intercambio para analizar e avaliar a transcendencia deste ben de interese cultural dentro de aportacións multidisciplinares onde tamén se inclúe o actual papel dos social media".
Entre os relatorios atópase o do equipo que redactou a proposta que se elevou a UNESCO, composto por Bieito Pérez Outeiriño, Enrique Alcorta Irastorza, Felipe Arias Vilas, Covadonga Carreño Gascón e Ignacio López de Rego Uriarte, que achegarán unha crónica sobre aquel proceso. López de Rego abordará ademais os traballos de restauración no conxunto.
Canda a eles, o historiador Adolfo de Abel Vilela impartirá a conferencia inaugural do encontro, e Carmen Fernández Ochoa e Eduardo Ramil falarán sobre as murallas de Xixón e de León, mentres Enrique González Fernández tratará das prospeccións arqueolóxicas no mesmo.
A estas súmanse intervencións sobre as posibilidades da tecnoloxía para o patrimonio, da man de Néstor F. Marqués, os retos da socialización destes elementos, a cargo Miguel Ángel Cajigal e unha mesa redonda arredor das estratexias de difusión, didáctica e comunicación do patrimonio arqueolóxico na que participan Elena Freire Paz, Paloma García Díaz, Néstor F. Marqués, Miguel Ángel Cajigal e Encarna Lago.
As xornadas contarán tamén cunha intervención do presidente de ICOMOS-España, Juan Carlos Molina, e inclúen unha visita técnica ao monumento coordinada por Enrique Alcorta, outra o Museo Provincial de Lugo e unha terceira aos espazos museísticos dedicados ao patrimonio romano na cidade.
O encontro conta con 130 prazas presenciais e permite tamén a participación en liña, nos dous casos con inscrición gratuíta.