O documental Eros encabeza o palmarés da XX MICE

A Mostra de Cinema Etnográfico recoñeceu tamén a produción galega Corre o vento

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Fotografía da entrega de premios da MICE. Fonte: MICE

Fotografía da entrega de premios da MICE. Fonte: MICE

O Museo do Pobo Galego acollía este 16 de marzo o acto de entrega da vixésima Mostra Internacional de Cinema Etnográfico. O documental brasileiro Eros, de Rachel Daisy Ellis, fíxose co Premo AGANTRO á excelencia antropolóxica, dotado con 500 euros.

O xurado destacou desta produción o ser un "exercicio etnográfico entendido como un proceso participativo" que consegue "naturalizar algo tan socialmente construído como o sexo. Na cama, as e os participantes do filme falan de pracer, pero tamén de amor, relixión, política ou diversidade sexo-afectiva, algo que so é posible no espazo de seguridade que ofrecen estes moteis".

O xurado outorgou tamén unha Mención Especial a Silence of Reason, de Kumjana Novakova. A produción aborda a través de arquivos e testemuños a tortura e violacións sufridas polas mulleres durante a guerra en Bosnia e Herzegovina.

O comité de selección estivo composto pola doutora en Antropoloxía Social Bibiana Martínez Álvarez, o docente, crítico e programador de cinema Severiano Casalderrey e unha das fundadoras e codirectora do Porto Femme - Festival Internacional de Cinema Rita Capucho.

Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera, obtivo á súa vez o Premio MICE ao Mellor filme galego. A obra trata a situación de Vilar do Courel, nun "exercicio cinematográfico de carácter poético, que indaga no lendario dun territorio, ao tempo que manifesta o baleiramento do rural". Canda aos 500 euros deste premio, a peza fíxose tamén co Premio CREA que outorga Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización.

O público, pola súa banda, outorgoulle o seu galardón á produción portuguesa Tão pequeninas, tinham o ar de serem já crescidas, de Tânia Dinis. O filme mestura arquivos fotográficos, imaxes reais e testemuños de mulleres das rexións de Trás-os-Montes, Beira, Alto e Baixo Minho que emigraron ao Porto entre 1940 e 1980 para traballar como empregadas domésticas.

Que che parece esta nova?
88 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cine, Documental, Museo do Pobo Galego, Mulleres...