Coñécense as propostas que participarán das Residencias Artísticas Mariñán

Ailén Kendelman, Abril, Nanu e Incra foron escolleitos na modalidade musical do programa da Deputación da Coruña

Ailén Kendelman, Abril, Nanu e Incra foron escolleitos na modalidade musical do programa da Deputación da Coruña
A Deputación da Coruña daba a coñecer este 5 de marzo os proxectos seleccionados para a edición 2025 das Residencias Artísticas Mariñán. Entre o 31 de marzo e o 11 de abril, o Pazo de Mariñán acollerá a Blanca Trigo e Sergio Marey, escolleitos na modalidade de literatura, e mais a Paula Sanmartín e María Bella na de pensamento. Pola súa banda, as residencias de música acollerán a Ailén Kendelman e Abril do 31 de marzo ao 5 de abril, e a Nanu e Incra entre os días 6 e 11 de abril.

Segundo destaca a acta do xurado, no ámbito literario o proxecto Mandrágora, de Blanca Trigo, propón "unha exploración mitopoética da conexión entre o 'queer', a ritualidade e o cotián, así como unha pertinente e novidosa resignificación da noción de bruxa ou meiga na súa conexión coas disidencias sexuais e de xénero". Pola súa banda, Camiños do desexo, de Sergio Marey, "é unha interesante proposta dunha escritura autoficcional e fragmentaria dunha persoa non binaria desde unha perspectiva disidente no rural galego, de valorar pola que implica na produción de subxectividades alternativas ás heteronormadas".

No campo do pensamento, Paula Sanmartín propón en Coro priscilianista "unha proposta de ensaio filosófico que cruza a figura de Prisciliano co pensamento contemporáneo, con diálogos contracoloniais e ecofeministas" cos que, segundo o xurado, "a autora artella un discurso crítico lúcido e de gran pertinencia no contexto cultural galego". Á súa vez, en O amor ao territorio, María Bella, "desenmascara a violencia que esconden os discursos e prácticas capitalocéntricas do amor ao territorio, nun proxecto no que a autora propón unha investigación do máximo interese na actualidade sobre as formas extractivas de ocupación do rural galego, procurando fórmulas de lexitimación da súa cultura".

En canto á música, Ailén Kendelman está á fronte de Unha señora orquestra, proxecto que conta con 12 persoas do que o xurado valorou "a interdisciplinariedade entre o circo, a dramaturxia, a música e o discurso feminista". En Abril, Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) propoñen un proxecto de investigación e creatividades para disco, "no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidado repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade". Nanun é o proxecto da multiinstrumentista, compositora e produtora Nadia Sniba e do técnico de son e vídeo e picadiscos Nacho Carmona para desenvolver Creación de percusión para EP, que nace para "tecer unha ponte entre o folk experimental e a canción pop/rock", do que o xurado destaca "o recoñecemento intercultural da raíz e a procura do punto de encontro Marrocos-Galiza a través das percusións".

Finalmente, con Ronco: disección anatómica da gaita o colectivo Incra pon o foco "nas posicións de escoita e a observación, a atención sobre os sons de actividades industriais e oficios tradicionais do noroeste da península, principalmente Asturias e Galicia". Andrés Rodrigues e Iván Nespereira asinan esta proposta da que o xurado destacou "a súa valentía e o tratamento da gaita como obxecto cultural dende o punto de vista etnográfico e antropolóxico". En total presentáronse a esta edición das residencias un total de 29 proxectos.