O Teatro Fraga promoverá a experimentación e a creación no ámbito cultural

A Xunta dá a coñecer as liñas xerais do Plan de Usos do espazo vigués

O Consello da Xunta deste 2 de marzo aprobou o informe da Consellería de Cultura que recolle o Plan de Usos do Teatro Cine Fraga, en Vigo. O local, que adquiriran o pasado mes de xullo o Goberno Galego e mais a Deputación de Pontevedra, pretende constituírse nun "espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia no noroeste peninsular".

As medidas propostas tiveron en conta, segundo a Xunta, as achegas realizadas pola cidadanía no proceso de consultar aberto polas administracións. Deste xeito, o obxectivo para o espazo é "ofrecer unha programación ampla e diversa" ao tempo que se constitúe como "un viveiro de creación e experimentación" en diferentes artes "que fagan del un epicentro de innovación cultural". Neste campo, prevese a realización de obradoiros e "laboratorios de ideas vencelladas ás artes musicais, audiovisuais, e literarias" que inclúen "residencias artísticas para profesionais locais e tamén de todo o noroeste peninsular" así como propostas formativas.

No ámbito dos espectáculos, o reformado espazo contará cunha sala polivalente de 2.000 prazas que poderá acoller funcións teatrais, musicais ou de cinema. Ademais, prevese realización de "encontros, festivais e ciclos temáticos, en que se procurará a participación de creadores emerxentes xunto cos xa consolidados". A este auditorio súmase outra sala que multiusos con capacidade para 860 persoas sentadas e ata máis de 2.000 de retirar os asentos.

Dentro das instalacións incluirase un espazo museístico que quere "preservar, destacar e compartir os vencellos deste edificio co desenvolvemento do cinema na cidade olívica e Galicia", a recoller a importancia de Isaac Fraga, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes do país hai oitenta anos. O espazo recuperará o histórico órgano de cine, "único que hai en España para acompañar as proxeccións", segundo lembra a Xunta.

A atender á formación de novos públicos do Teatro Fraga contará tamén con "actividades e obradoiros dirixidos á infancia e á mocidade que estimulen a creatividade e a experimentación". Escrita creativa, composición musical e produción audiovisual son algúns dos contidos previstos neste campo, onde tamén se quere pór en marcha un club infantil.