As axudas á edición da Xunta mantéñense en 250.000 euros

Cada editorial poderá recibir un máximo de 25.000 euros a distribuír nun máximo de 15 títulos

O Diario Oficial de Galicia publica este 3 de marzo a convocatoria de axudas para gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais en 2025. A liña mantén os 250.000 euros de orzamento aos que ascendera en 2024 e achegará ata un máximo de 25.000 euros por editora para un máximo de 15 títulos en cada firma.

A convocatoria abrangue obras publicadas, tanto en galego como noutra lingua, entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025 cunha tiraxe mínima de 400 exemplares, que baixa a 200 nos volumes de poesía, teatro e ensaio. Ademais, as propostas deberán ser "primeira edición dunha obra inédita, ou ben dunha obra cuxa última edición, na lingua que se propón publicar, teña unha antigüidade de máis de 15 anos".

En proxectos orzamentados ata 6.500 euros, as axudas chegarán a un máximo do 80% do investimento para obras en galego e do 50% para as que estean noutras linguas. En propostas editoriais que supoñan un maior investimento, poderá cubrirse ata o 90% do orzamento nas obras en galego e do 60% para as demais.