Exposición colectiva 'Quedar sen pintura' na Galería Manolo Eirín

O espazo de Carballo inaugura a mostra de Vítor Mejuto, Ruth Vidal e Ventura Pérez

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Obras de ventura Pérez na exposición  Imaxe: Galería Manolo Eirín

Obras de ventura Pérez na exposición Imaxe: Galería Manolo Eirín

A Galería Manolo Eirín de Carballo inaugura hoxe venres ás 17:00 horas unha mostra colectiva de tres artistas residentes en Galicia baixo o título común 'Run out of paint' (quedarse sen pintura). Baixo o comisariado de Manuel Tuset o espazo carballés expón obras de Vítor Mejuto (Barcelona, 1969), Ruth Vidal (Illa da Arousa, 1998) e Ventura Pérez (Vigo, 1992). O título, segundo explican desde a galería, establece unha metáfora do proceso creativo, ese instante no que o material se esgota e o xesto xunto coa sensibilidade do autor alcanza o seu límite. A exposición colectiva reúne as obras destes tres artistas residentes que, dende enfoques distintos, exploran os límites e procesos da pintura contemporánea onde as tensións entre superficie, perspectiva, ficción ou xesto entrecrúzanse nun mesmo plano.

A mostra ofrece unha experiencia que reflexiona a través de distintas estratexias formais e conceptuais a modo de formulario de preguntas cara o espectador sobre o acto de pintar, o esgotamento da superficie sobre a que se pinta ou sobre a tensión da relación entre a pintura e a súa propia desaparición. O diálogo entre os tres artistas, que estarán presentes na galería na súa inauguración, albíscanos que a pintura segue expandindo os seus límites cara a novos horizontes redefinindo os procesos de creación, as referencias ao presente que os rodea e a crúa experimentación coa cor, explican desde a galería. Segundo comenta o comisario de cada un dos artistas, "con Pérez, a imaxe convertese nun vehículo de relatos ficcionais; desde a mirada de Vidal, a materia pictórica desvélase e oculta nun xogo de profundidade e superficie; e coa achega de Mejuto, a pintura estruturase en formas e cores que afirman a súa propia autonomía".

Que che parece esta nova?
92 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Galería, Carballo, Manuel Tuset, Arousa...

Claves

Protagonistas
Conceptos