As primeiras experiencias de arqueoloxía experimental achegan a Galicia novos xeitos de coñecer o pasado

Prácticas de sílex

Arqueoloxía. Un traballo lento e concienciudo. Horas a escavar, analizar e remexer coidadosamente terra e pedras na busca dun achado. No entanto existe outro xeito tanto de facer arqueoloxía como de dar a coñecer esta disciplina. A arqueoloxía experimental pretende recuperar de xeito práctico técnicas e instrumentos da antigüidade para coñecer mellor como vivían os nosos antepasados.

Caldas acollía en febreiro de 2002 Arqueoxogo, un obradoiro de arqueoloxía experimental centrado na prehistoria. A idea xurdiu no seo da Asociación Arroutada, onde dous arqueólogos pensaron en importar unha actividade que xa levaba varios anos en marcha noutros lugares do Estado Español. "O bo deste tipo de actividade é que o material é practicamente gratuíto, ao seren pedras, cerámica e paus, fundamentalmente", sinala Xosé Manuel Abalo, presidente do colectivo. As trinta prazas previstas para a actividade axiña se viron desbordadas e finalmente foron corenta persoas interesadas en coñecer como se vivía e se traballaba na prehistoria as que participaron ao longo de catro sábados neste evento. O programa comezou cun obradoiro de fabricación e emprego de ferramentas prehistóricas, e ao longo das diferentes xornadas, os participantes coñeceron como se cociñaba na prehistoria, o xeito e elaborar cerámica segundo as primeiras técnicas que coñeceu a humanidade ou a construción das primeiras vivendas. Nas últimas xornadas montouse nunha oficina do concello unha "cova" na que se fixeron prácticas de pinturas rupestres, e para acabar o curso organizouse unha visita ao castro de Follente, nas proximidades de Caldas.

Experimentos arqueolóxicos
No primeiro número do "Boletín de Arqueoloxía Experimental", Javier Baena explica polo miúdo en que consiste este xeito de investigación. Segundo el "é un modelo de contrastación de hipóteses a través da experimentación", que se basea na reconstrución o mais fiel posíbel de instrumentos e de técnicas empregadas no pasado. A construción de agullas neolíticas ou de machadas de sílex permite aos estudosos verificar exactamente o xeito de fabricación, incluíndo o tempo que levaba facer cada unha destas pezas e probar mesmo os diferentes empregos que se lles daba e as pegadas que este emprego deixaba neles. Á finalidade de pura investigación súmanse as inmensas posibilidades que ofrece esta actividade para dar a coñecer a vida no pasado e a propia arqueoloxía, xa que en lugar de longas explicacións sobre como se facían as cousas no pasado, o público ten a ocasión de as facer en persoa.

Laboratorios
A nivel de investigación, o Laboratorio de Paleoambiente, Patrimonio e Paisaxe da Universidade de Santiago (antigo Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais) leva arredor de cinco anos estudando as posibilidades das técnicas de arqueoloxía experimental. Mar Bóveda, da Unidade de Difusión, Formación e Divulgación explica que "sobre todo estudamos cuestións de cultura material e técnicas e procedementos de cultura cerámica e traballo práctico", que aplican a todas as etapas da prehistoria. Segundo ela, este xeito de investigar permiten ver "tipos de talla e como se pode traballar o material do que se dispón en Galicia", e botan luz sobre procesos coma a fabricación de cerámica. "Cando estudas os fragmentos de cerámica sabes que hai un tipo de arxila que se traballa de determinada maneira, pero podes pensar que é moi sinxelo de facer e cando fas a proba descobres que en realidade é complicado", sinala. Desde o laboratorio organizaron xa varios obradoiros de formación nestas técnicas dirixidos a investigadores e impartidos por especialistas internacionais que visitaron Compostela. "A intención é mellorar as nosas técnicas para facer reproducións e organizarmos despois obradoiros divulgativos", sinala Mar.

Reconstrucións castrexas
Pola banda da divulgación, o laboratorio desenvolveu hai xa tres anos actividades didácticas de arqueoloxía experimental no castro de Castrolandín, en Cuntis, en colaboración coa Fundación Terra Termarum. Dentro da investigación e posta en valor do castro incluíuse a recuperación do costume de celebrar neste recinto a noite de San Xoán, e coma actividade paralela a isto, a Unidade de Difusión do Laboratorio organizou tres obradoiros dedicados á reconstrución da indumentaria, do tecido e da ourivaría castrexa. Alén da reconstrución dun tear e de facer probas para elaborar tecidos e traxes coma os da época, os veciños que participaron nesta actividade puideron coñecer a complexidade das técnicas para fabricar xoias na época dos castros. "Non era ourivaría real", explica Mar Bóveda, "empregamos abelorios e metais comúns, pero a intención era amosar o proceso de elaboración de xoias na época". Tamén este mesmo verán desenvolveron obradoiros de cerámica nun campo de traballo do Castro de Neixón, en Boiro.

Cazadores no Xistral
Aínda que é unha actividade diferente á reconstrución de cultura material, a Unidade de Difusión practica outra modalidade para dar a coñecer de xeito activo o modo de vida prehistórico. En concreto, trátase dunhas rutas arqueolóxicas polo Xistral, desenvolvidas durante o 2003 nas que os participantes xogan a ser cazadores de hai 6000 anos. "Trátase de que a xente tente ver as vías de tránsito máis sinxelas", explica Mar, "e que empreguen referentes do terreo para orientarse, ao tempo que teñen que comunicarse, coma na época, unicamente con linguaxe de signos para non espantar a caza". Deste xeito, os excursionistas comproban como naquela zona "o que parece a priori o máis sinxelo de camiñar é o máis difícil, e o terreo que a priori pensan que é máis fácil de controlar non o é". Tamén ven a importancia dos útiles da época para conseguir a caza. Todo isto inserido nunha ruta concreta na que coñecen diferentes asentamentos e pegadas daquela época.

Máis traballos
Alén destas iniciativas, existen algúns outros traballos no campo da arqueoloxía experimental en Galicia, aplicados sobre todo á investigación. Son exemplos disto a recuperación de técnicas primitivas para facer morteiro que está a empregar a empresa Terra Arqueos na restauración do castro de San Cibrán de Las ou, no mesmo sentido, o emprego de métodos da época romana para reconstruír a domus romana de Lobios. De calquera xeito, Mar Bóveda ten claro que aínda queda moito camiño por percorrer en Galicia a nivel de arqueoloxía experimental, especialmente na vertente divulgativa deste campo. Para o vindeiro curso, desde o Laboratorio de Paleoambiente, Patrimonio e Paisaxe preparan novos obradoiros para o vindeiro ano, por unha banda destinados de novo ao público xeral e pola outra amosarlles aos estudantes de Historia as posibilidades deste xeito de investigar o pasado. Aos poucos, a arqueoloxía experimental vaise facendo un oco en Galicia.