Talía Teatro estrea 'Un deus salvaxe'

A compañía presenta este venres en Cee a montaxe sobre o coñecido texto de Yasmina Reza

A Casa da Cultura de Cee acolle a estrea da nova montaxe de Talía Teatro, 'Un deus salvaxe', da dramaturga Yasmina Reza. A compañía trae ao galego este texto que foi obxecto de representacións en todo o mundo e do que hai unha adaptación cinematográfica asinada por Polansky. Na historia, dous matrimonios, adultos e civilizados, atópanse para resolver un incidente protagonizado polos seus fillos pequenos: un deles partiulle dous dentes ao outro nunha pelexa no parque. Nada que uns pais civilizados non poidan resolver. Con este sinxelo argumento, Yasmina Reza compón unha sátira da sociedade contemporánea e disecciona, con moito sentido do humor, as relacións de parella, a educación, a competitividade e fai unha crítica social, de clase e sobre o exceso de corrección política.

Artur Trillo dirixe un elenco conformado María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Lado e Toño Casais. A montaxe estará venres e sábado en Cee para despois iniciar unha xira cuxa primeira parada será a casa da Cultura de Bertamiráns o seguinte venres, 7 de marzo. O pazo da Cultura de carballo acollerá o espectáculo o día 14 de marzo e ao sábado 15 estará en Vimianzo, no Auditorio Municipal. Os días 21 e 22 de marzo a obra estará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. En santiago de Compostela poderá verse os días 27 e 28 de marzo, no Teatro Principal, e acabará o mes, o día 29 pasando por Oleiros, no Auditorio Gabriel García Márquez.