Xerais lanza novos títulos a conmemorar o Día das Letras das Cantareiras

Dous volumes para público infantil e xuvenil e dous para público adulto son os últimos lanzamentos

O Día das Letras dedicado ás cantareiras está a ter un importante reflexo editorial neste comezo do ano. Edicións Xerais recolle no seu web catro novos lanzamentos arredor da data, que sumado á biografía Cantareiras suma cinco publicacións sobre o tema. Dentro destes, destaca o volume colectivo Somos pandeireteiras, que dá conta do nacemento da asociación do mesmo nome en 2024 e analiza diferentes aspectos deste movemento de recuperación do patrimonio sonoro.

Mercedes Peón, Ana Romaní, Selina Otero, Andrea Nunes Brións e Susana Sánchez Aríns asinan esta obra, que inclúe entrevistas con tocadoras tradicionais, reflexións teóricas e rexistra o proceso que deu pé á creación deste colectivo. Presentada na pasada edición da feira Culturgal, a obra está a chegar a todas as librarías do país.

A coincidir coa efeméride, a editorial presentou tamén Maxicamente vella, eternamente nova, a literatura tradicional galega. Carlos Callón asina este achegamento ás formas populares de creación literaria de transmisión oral, a incluír tanto cancións como adiviñas, contos, recitados e outras formas.

Pola súa banda, da man de María Lado, a editorial lanza Canta, miña compañeira, unha viaxe á historia das mulleres homenaxeadas neste Día das Letras. Orientada ao público xuvenil, a obra achégase á vida de Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción e Manuela "nomes propios de seis das miles de cantareiras ou pandeireteiras que ao longo do tempo crearon e conservaron unha rica poesía popular oral, que foi transmitida de xeración en xeración".

Finalmente, Eva Mejuto asina o texto e Lucía Cobo as ilustracións de Sei cantar e sei bailar. Este álbum ilustrado segue as pegadas de Dorothé Schubarth nas viaxes que lle permitiron artellar o Cancioneiro popular galego. Orientado a público infantil, a obra conta cun apéndice informativo e cunha web que permite coñecer mellor a poesía e a música tradicional do noso país.