Filloas ofrece baile e boa onda co seu terceiro traballo

'súbete ao EVA' é o novo traballo do vigués que afonda na electrónica e no seu imaxinario

Iago galego, coñecido como Filloas e artista gañador do concurso Novos Valores 2024 do Festigal, ven de sacar en todas as plataformas o que xa é o seu terceiro disco en catro anos. 'súbete ao EVA' (Alende, 2025) supón nos seus sete temas unha proposta explosiva de baile e festa máis electrónica que nos traballos anteriores, hiperpop e ritmos electrónicos, acompañados de letras cheas de referencias a animes icónicos, videoxogos clásicos e modernos e aos memes máis virais de Internet nunha obra que captura o espírito dunha xeración conectada e creativa e cunha vida social nocturna de referencias comúns. A produción corre a cargo do artista coa colaboración de Daiv e a mestura é de Luis Antelo nos Estudios Estereoarte.



As letras deste traballo móvense entre o existencialismo xeneracional, o desamor, o sarcasmo sobre a situación lingüística do galego e a identidade, e a vida social. Pecha este terceiro disco un enigmático 'adeus' no que o artista fai unha letra que soa a despedida, agardamos que como concepto e non cmoa final dun artista que aínda ten moito que dar na escena galega. A raíz de experiencias persoais, temas como a saúde mental, a terapia e as emocións son reflectidos na súa música. Os seus concertos actúan como fórmula canalizadora de toda esta voráxine de sentimentos que enchen o espazo de boa onda. A vindeira oportunidade de velo en directo será este sábado, 22 de febreiro, na Sala Jagger de Lugo; tras diso estará o día 28 no Emerxentes Rock In Rian de Rianxo e xa está confirmado no cartel do Festival Revenidas.