
O día 22 a praza de Mazarelos concentra as actividades cunha feira cultural que contará coa Libraría Pedreira, Árbore Azul, 13D Deseño Galego Impreso en 3D, Casperolota Atelier, Cuire Acuarelas, Acontravento, Egretta Biloba e Coas Mans Artesanía, e que contará cun Pasarrúas rosaliano a cargo de Os QuinQuilláns, un obradoiro de regueifa e unha sesión vermú a cargo do Coro Encaixe.
Para a tarde presentarase a asociación Somos pandereiteiras e celebrarase un recital poético con Anxo Angueira, Nuria Vil e Andrea Nunes. Un concerto de Tres Pesos no Teatro Principal de Santiago fechará, a partir das 20 horas, o programa do día.
Para domingo haberá sesión vermú con Clo Plas, e pola tarde desenvolverase o xogo Quizz Rosaliano e presentarase a proposta de poesía videocreación Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido da man de Rafa Fernández, Lara Dopazo e Iván Torres.
O Colexio Maior de Santo Agostiño acollerá o espectáculo A primavera vai chegar con Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado, nunha quenda ás 16 horas e outra ás 17:15. A obra de teatro Rosalía, protagonizada por Rocío González e Cris Collazo baixo a dirección de Fina Calleja, fechará o evento ás 18.30 horas no Teatro Principal.