Mariagrep move as noites de baile co seu novo disco

'Mariagrep Is not a crime' é o segundo disco longo da santiaguesa

Mariagrep, nome artístico de María Gallego Román, asina o seu segundo traballo longo en solitario 'Mariagrep Is not a crime' , tras aquel 'Si un día...' (Raso estudios, 2021) e tras outros EPs. A artista, que tamén forma parte de bandas como Grande Amore e Coolnenas, manten a súa boa sintonía con Raso estudios, a discográfica ferrolá que cumpre dez anos conformando un catálogo con algunhas das propostas máis interesantes da electrónica galega. O novo disco de Mariagrep entra nos ritmos máis nocturnos de pista de baile, inspirada xustamente nesas noites de festa coas amigas

Frecuencias electrónicas e urbanas, algún aire pop nalgún dos dez temas deste contundente disco, como é o caso de 'Tempo II' e outras chamadas a mover os corpos en frenesí coma a que abre o disco '123 YA!', 'Otra noche' que comparte con Juait, ou a que asina con Galician Army, 'Una balada más', entre outras. Entre outras colaboración está tamén a de Mundo Prestigio no tema 'Cogollito', máis pop e na produción de varios temas conta con Manuel Blanco (mitad de Blanco Palamera e colaborador-produtor de Sen Senra), Nuno Pico (Grande Amore) ou CARREÑO. Este disco que abre un ano que xa promete, emite ecos que van desde o concepto da rave máis reflexiva ata a canción melódica, con chiscadelas ás divas pop contemporáneas entre as que podemos recoñecer Charli XCX, LISA, Chappel Roan ou Lorde, conectando a escena galega coas principais tendencias atrevidas da electrónica de baile feminina. O disco está nas plataformas dixitais e ahi unha edición limitada en vinilo dispoñible con deseño gráfico de Alberto Brandon.