O Seminario de Estudos do Deza falla os seus premios culturais

Francisco Rubia, José Ramón López, Antonio Vidal e a Carballeira de Cercio recibirán estes galardóns

Os Premios do Patrimonio Cultural cos que o Seminario de Estudos de Deza (SED) recoñece "as traxectorias meritorias vinculadas á protección, conservación, investigación e difusión do patrimonio cultural galego, material e inmaterial, en calquera medio ou campo de actuación na Comarca de Deza" xa teñen gañadores na súa terceira edición.

A entidade acordou outorgalle un destes estes galardóns, de entre as propostas que lle foron remitidas, á agrupación de canto e baile tradicional A Carballeira de Cercio polo seu traballo a prol "das tradicións culturais da comarca, centrando a súa atención especialmente en bailes, cantigas e lendas" con proxectos como o festival de baile tradicional ou os premios A Carballeira.

Canda a eles, Antonio Vidal Neira recibiu o premio á Investigación do patrimonio cultural polo seu traballo no anuario Descubrindo e no seu blog. José Ramón López Fernández, Lito, recollerá á súa vez o galardón Descubrindo ao ter publicado un total de once traballos nesta publicación.

O Premio de Honra do SED foi desta volta para Francisco Rubia Alejos, a destacar o seu traballo en publicacións de referencia como Pazos y Moradas Hidalgas del Deza e diferentes publiaccións, que o configuran como unha"figura clave ma investigación histórica de Deza".

Os premios, que consisten en cadansúa reprodución da Pía de Donramiro, entregaranse nun acto público o vindeiro sábado 8 de febreiro no Pazo de Liñares, en Lalín.