Agadic convoca as axudas a para laboratorios, incubadoras e residencias audiovisuais

Reduce o orzamento desta liña de subvencións a 180.000 euros

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ven de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases das subvencións para laboratorios, incubadoras e residencias audiovisuais, a través das que destina 180.000 euros (20.000 menos que o pasado ano) á organización deste tipo de iniciativas de formación e asesoramento na creación ou desenvolvemento de novos proxectos. Estas axudas convócanse por segundo ano consecutivo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais coa finalidade de favorecer a solvencia e a calidade na posta en marcha de novas propostas para cinema e televisión no camiño cara á fase de produción e, xa que logo, a súa viabilidade artística, técnica e financeira. O prazo de solicitude destas axudas estará aberto na sede electrónica da Xunta de Galicia entre o 11 de xaneiro e o 10 de febreiro para empresas ou asociacións que organicen este tipo de eventos no período comprendido desde a convocatoria ata o 1 de xullo de 2026. A concesión máxima sitúase no 80% do orzamento subvencionable, cun límite de 50.000 euros.

A convocatoria de 2025 introduce unha serie de cambios nos requisitos que deben cumprir as entidades solicitantes co fin de garantir unha maior solidez dos programas subvencionados. Así, deberán contar con cando menos dúas edicións celebradas nos catro anos anteriores e coa participación dun mínimo de dous proxectos galegos na última delas.No baremo de puntuacións para a súa concesión en réxime de concorrencia competitiva, tamén se terá en conta o número de propostas de creación e/ou produción galega participantes na edición para a que se solicita a subvención e na inmediatamente anterior, ademais doutros criterios que teñen que ver coa traxectoria do equipo docente ou coa orixinalidade e calidade das actividades programadas. Estas subvencións son compatibles con outras axudas para o mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas.