A Consellería de Cultura adianta as súas iniciativas polo Ano Castelao

A recreación virtual do rianxeiro guiará unha exposición na Cidade da Cultura

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:

A coincidir coa homenaxe que se abriu, este 7 de xaneiro, os actos do Ano Castelao, a consellería de Cultura adiantou algunhas das actividades coas que vai participar deste efeméride. Entre estas, destaca a organización dunha mostra sobre o rianxeiro na Cidade da Cultura que estará guiada por unha recreación virtual do protagonista. Esta "permitirá interactuar directamente con el" ademais de escoitar a súa voz.

Deste xeito "será o mesmo Castelao quen guiará os visitantes nun percorrido pola súa vida, obra, achegas intelectuais e políticas e tamén creativas, a través dos seus debuxos". A iniciativa fai parte do proxecto Galiverso da Cidade da Cultura.

Canda a isto, a consellería anuncia unha serie de actividades por concretar en centros de ensino de todo o país e, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, o lanzamento "das dúas versións que deixou publicadas Castelao da súa emblemática peza teatral: Os vellos non deben de namorarse", que por vez primeira se editarán en conxunto.

En paralelo, o departamento da Xunta anuncia "a dixitalización, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento, de toda a documentación descuberta sobre o proceso de aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1936, no que Castelao foi un dos partícipes directos".

Que che parece esta nova?
74 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Castelao, Consellería de Cultura, Estatuto de Autonomía, Instituto Padre Sarmiento...