O Museo Etnolóxico de Ribadavia amosa o traballo fotográfico dos Llanos

A exposición Memoria e azougue pode verse ata o 14 de febreiro

Ata o vindeiro 14 de febreiro, o Museo Etnolóxico de Ribadavia ten aberta Memoria e azougue. A liñaxe dos Llanos (1897-1970). Esta exposición dá a coñecer mediante 38 imaxes o traballo fotográfico da liñaxe composta por Francisco Llanos Mas, o seu fillo, Francisco Miguel Llanos Trápaga e o seu neto Ángel Llanos González.

A atender as temáticas de Arquitectura, Retrato e Acontecemento, a mostra fai un repaso polo Vigo desde finais do século XIX ata os últimos anos do franquismo. Canda ás imaxes, a exposición, comisariada por Manuel Pérez Rúa e Vítor Vaqueiro, amosa tamén cámaras fotográficas e diversos obxectos e documentos relacionados co traballo como fotógrafos dos Llanos.

Nado en Valencia e instalado en Vigo desde 1870, Francisco Llanos iniciou unha saga de profesionais da imaxe que percorre a historia da cidade desde entón. En particular Ángel Llanos sumou oito décadas de traballo no que se inclúe o seu labor no gabinete fotográfico do Corpo do Exército en Galicia durante a Guerra Civil entre outros fitos.