A RAG abre no seu web o espazo do Día das Letras 2025

Acolle vídeos, artigos e fotografías e irá ampliando os seus contidos ao longo do ano

3/1/2025 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: linguamúsicapatrimonioDía das Letras Galegas 2025
4 lecturas | Compartido 0 veces

Teresa, Prudencia, Manuela e Adela en Mens (1982) Fonte: Fondo da Agrupación Folclórica Aturuxo. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

Cunha presentación a cargo de Ana Boullón e a tribuna "Cantar para gañar galegofalantes" de Antón Santamarina, a Real Academia Galega acaba de abrir o espazo web do Día das Letras 2025. A xornada dedícase neste ano "á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, Eva Castiñeiras, de Muxía, e Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica)".
Ademais dos dous textos, o web acolle unha selección de fotografías das protagonistas da man do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego e de estudosos como Pablo Quintana ademais de diferentes vídeos sobre a música tradicional que xa estaban dispoñibles na rede.

Segundo explica a entidade, este espazo "irá medrando nas vindeiras semanas con entrevistas e reportaxes sobre o patrimonio e as persoas ás que se lles rende homenaxe" e acollerá a serie documental das Letras Galegas 2025 que produce a Academia. Alén dos recursos propios, "a Academia reunirá nesta sección unha escolma de referencias audiovisuais e bibliográficas doutras institucións e creadoras e creadores".

Universo culturagalega.gal