Quiosco: A Estrada. Miscelánea histórica e cultural 27

Biografías de figuras destacadas e análises sobre o patrimonio ou a cartografía da zona fan parte do volume

O Museo Reimóndez Portela acaba de publicar na rede o número 27 da súa publicación anual A Estrada. Miscelánea histórica e cultural. O volume, dispoñible na rede, preséntase como "unha ventá aberta ao mundo para a difusión e o coñecemento da historia, a xeografía, as artes, os traballos, a vida cotiá e moito máis aspectos interesantes da gran comunidade humana que constitúen a vila e as terras da Estrada".

Con dirección de Juan Andrés Fernández Castro, a publicación recolle artigos como o de Fernando Cabeza Quiles a repasar a figura do ciclista José Simaes Dios ou o de Damián Porto Rico sobre as Fundacións asistenciais nas parroquias do Ulla. Javier García Gómez, pola súa banda, realiza un exhaustivo estudo sobre documentos cartográficos e planimetría da zona a mediados do século XX.

Henrique Neira, a abordar as lendas dos tesouros do Pico Sacro, a figura do emigrante Hipólito Constenla da man de Marga Fraga, o Mosteiro feminino de San Xurxo de Codeseda explicado por Luís Manuel Ferro Pego e José Manuel Bértolo Ballesteros, ou Juan Andrés Fernández a falar dos estradenses mortos na guerra de 1809 son outros contidos do volume.

Noel Feáns achega ao proxecto unha colección de fotografías da zona, mentres o Colectivo a Rula dá conta dos novos achados nos petróglifos da Costa dos Cabalos e a Pedra dos Cabalos. Armando Requeixo a abordar a literatura gastronómica de Álvaro e un repaso polos cincuenta anos da Festa do Salmón na Estrada a cargo de Chus Fernández Bascuas e Katina Sanmartín Carbón completan o índice do volume.