O comunicador Óscar Reboiras fíxose co VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, que convoca o concello da Pobra do Caramiñal, a editorial Galaxia e a A.C. Barbantia. A obra gañadora, que obtén o galardón de 3.000 euros de premio e a publicación na colección Árbore de Galaxia e o repartimento de exemplares entre rapaces da Pobra, destacou entre os trinta textos presentados. Titúlase Cando o mundo é azul e en palabras do xurado, a obra "aborda os temas da diversidade, o amor, a interxeracionalidade e a redención nunha obra apta para un abano moi amplo do público infantil, que interpela directamente a intelixencia do lectorado. A historia estrutúrase arredor das relacións familiares, en que unha nai e seu fillo recuperan a figura dun avó ausente".