A arracada volve a Vilar de Santos no centenario da súa descuberta

Será exposta no Museo da Limia durante dous días

A arracada de Vilar de Santos. Foto: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
A arracada de Vilar de Santos. Foto: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Non é habitual que unha xoia da nosa prehistoria sexa exposta fóra do seu museo custodio, pero este vai ser o caso da Arracada de Vilar de Santos. Os veciños poderán gozar dela os días 20 e 21 de decembro no Museo da Limia, de 11 a 18 horas, co gallo do centenario da súa descuberta. A arracada de Vilar de Santos foi descuberta durante unhas obras de evacuación de augas no lugar de Albariño, e vendida ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense en 1979 polo cura párroco de Vilar de Santos. Trátase dun notable exemplo da ourivería galaica da Idade do Ferro, e nela combínanse motivos e técnicas indíxenas de filiación atlántica con outros procedentes do ámbito cultural maditerráneo. Para acompañar a visita da arracada ao seu territorio de orixe, deseñouse unha xornada o día 20 de decembro, de 18 a 19.30 horas, no salón multiusos do concello, na que os arqueólogos Bieito Pérez Outeiriño e Francisco Fariña Busto falarán sobre a arracada, acompañados do actual director do Museo Provincial, José César Llana e do coordinador do padroado do Museo da Limia, Antón Jardón.