A representación plástica da sexualidade pecha o ciclo de exposicións Malas Artes

Malas Artes

Primeiro foi o deseño industrial, logo as palabras, a moda téxtil, as máquinas, a arquitectura e agora chégalle a hora ao xénero e á identidade sexual. Son as ideas sobre as que artistas novos e non tan novos, coñecidos e non tan coñecidos reflexionaron na Sala dos Peiraos en Vigo. Un proxecto que comezou o 11 de abril e que acaba de abrir as portas da súa última etapa coa exposición Bizarr@s. Son as “Malas Artes”.

En abril deste ano abría en Vigo “Prototipos”, unha exposición que pretendía reflexionar sobre a relación entre a arte e a industria. Pero era moito máis que unha mostra que recuperaba como espazo expositivo a Sala dos Peiraos de Vigo, era (e é) un proxecto novidoso con pouca tradición en Galicia que ofrecía os traballos de diferentes artistas, diferentes soportes que falan sobre unha idea. Unha idea xa ensaiada antes en Ferrol co ciclo da Fundación Torrente Ballester “Miradas virxes” e en Santiago, no programa cultural da Universidade coñecido como “Procesalia”.

¿Que son as Malas Artes?
Segundo figura no seu sitio web, Malas Artes “é un proxecto artístico que trata de enfrontar aos artistas plásticos con aqueles temas sociais, políticos e culturais nos que se atopa mergullada a nosa sociedade actual”. Comisariada polo profesor de Belas Artes Xosé Manuel Buxán Brán e promovida pola concellaría de cultura de Vigo, Malas artes foi propoñendo diferentes temas a uns 48 artistas cada dous meses. Pero, "non se trata endexamais de meras exposicións colectivas dunha manchea de nomes de artistas mozos, senón que todas elas nacen da resposta específica que as artes plásticas e os artistas lles dan ás cuestións xurdidas e expostas pola curadoría, de modo que as exposicións significan en canto que son un conxunto e un constructo ideolóxico coherente e cohesionado, nunca como lucimento de individualidades xeniais e excluíntes", explicou o comisario Xosé Buxán no mes de abril cando se presentou o proxecto.

Cada unha desas malas artes
Comezaron en abril e maio con “Prototipos”, un espacio de reflexión sobre o deseño industrial que deu paso ás palabras de “Verbalidades”. Logo volveuse a analizar o deseño obxectos, aínda que agora foron as prendas téxtiles con “Pret-à-Porter” (en xuño e xullo). As máquinas en “Maquinacións”, a arquitectura en “arquitrabe” e agora o xénero e a identidade sexual con Bizarr@s conforman o repaso por todas e cada unha das ideas a reflexionar. E en todas elas rezuma unha vertente pedagóxica e analítica.

E cada unha mostra serviu para acoller a ollada e a forma de expoñer de mozos e mozas que están a dar os seus primeiros pasos na carreira artística. Na maior parte son estudiantes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa xuventude amósase na súa obra con frescura e lucidez, sen pudor, con atrevemento e ímpetu que xustifica o nome do proxecto.

Videocreacións e novos soportes de intervención artística, sen esquecer as formas tradicionais e clásicas como a pintura ou a escultura. A innovación de formatos serviu, xa non só como plataforma de lanzamento, senón tamén como un observatorio de análise dalgunhas tendencias da arte actual. José Angel Chas, Cristina Iglesias Reyes, Juan Rivas, Laura Verísimo Amor, José Rosendo Cid, Sara Fuentes, Fran Miguéns Ferro, Camino Vidales, Alex Mene, Rebeca López Cierto, Félix Fernández, Carlos Latorre... e así ata un total de 48 artistas conforman a listaxe de creadores.

Os espazos

A sala dos Peiraos de Vigo e a Internet son os dous espacios expositivos deste proxecto. O primeiro é un atípico espacio físico no que se acollen as mostra, e o segundo porque a través do seu web se pode ver unha escolma das obras representadas en cada exposición. Dous territorios que axudan a reconstruír as intervencións como espazos-territorios de experimentación e espazos-laboratorio. Son “malas artes” desde unha orientación pluriartística, que dun xeito creativo pretenden achegarse, sen compracencia ou convencionalismos, a postulados sociais, culturais ou políticos, de actuación e compromiso.