'Nailía' de Loli Rodríguez gaña o Premio Torrente Ballester de novela

A modalidade en castelán foi para "La soledad de los reptiles" do madrileño Antonio Bonet de Luna

Loli Rodríguez
Loli Rodríguez
O XXXVI Premio Torrente Ballester de narrativa xa ten gañadores. Os xurados da categorías de lingua galega e lingua castelá do certame, convocado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, decidiron premiar as novelas "Nailía", da Loli Rodríguez, en lingua galega, e "La soledad de los reptiles", do madrileño Antonio Bonet de Luna, en lingua castelá. A novela "Silvidos en las cumbres", do tudense Diego Alfonsín Rivero, resultou finalista en castelán. Os dous vencedores recibirán 15.000 euros e a Deputación publicará as dúas obras. Sobre "Nailía", de Loli Rodríguez (Torbeo, Ribas de Sil, 1964), o xurado valorou "a boa narración da historia e a axilidade da lectura, nunha novela clásica na forma e na estrutura pero moi actual no punto de vista á hora de abordar o relato". Tamén destacou "a representación de mulleres diversas e as imaxes poéticas que crea durante a narración con moi bo manexo dos diálogos".

No caso do premio a "La soledad de los reptiles"de Antonio Bonet de Luna (Madrid, 1970) é, para o xurado, "unha obra orixinal e arriscada, que perdura na memoria do lector, cunha reflexión que afonda no sentimento de perda e o lugar que ocupamos na sociedade". Segundo eles "Trátase dunha novela ben estruturada e equilibrada, na que o autor mostra gran capacidade para manter a tensión narrativa de comezo a fin con bo ritmo e personaxes ben traballados". A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu os dous xurados, nos que actuou como secretaria a xefa da sección de Educación e Cultura, Manuela Muñiz Souto. Formaron o comité avaliador en lingua galega os escritores César Lorenzo —gañador en galego en 2023—, Sica Romero, Marta Villar, Brais Lamela e María Rei Vilas; e en lingua castelá, Anna Blasco Rovira e Jesús M. Antón —gañadores en castelán en 2023—, María Sánchez, Xacobe Pato e Maria Salgado.