Jaime Pena é o novo director da Filmoteca de Galicia

Ascende ao posto tras trinta anos levando a programación da institución

| Santiago. Redacción | Seccións: AudiovisualPolíticas Culturais
Compartir:
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, felicitou ao novo director nunha visita ás propias instalacións na Coruña, acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo    Foto: Xunta de  Galicia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, felicitou ao novo director nunha visita ás propias instalacións na Coruña, acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo Foto: Xunta de Galicia

Tras cinco anos coa vacante da dirección da Filmoteca de Galicia (anteriormente CGAI) sen cubrir, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ven de poñer á fronte desta institución a Jaime Pena (Miño, A Coruña, 1965), un profesional da propia casa que viña ocupando o posto de programador da cinemateca da Xunta durante máis de tres décadas. Resolve así a situación de baleiro do posto mantida desde a xubilación de Guillermo Escrigas en 2019 durante a que a Filmoteca foi dirixida directamente desde a dirección da Axencia Galega de Industrias Culturais á que pertence organicamente. Entre os labores que pasará a desenvolver Pena figuran a dirección no deseño da configuración da carteleira de cine que se exhibe na sala de proxeccións José Sellier da sede da Filmoteca na Coruña e das súas extensións noutros espazos colaboradores, a da actividade pedagóxica, centrada sobre todo nos programas didácticos Cinema en curso e Fotografía en curso, así como as accións dirixidas á salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego. Tamén lle corresponde a relación con estruturas ou organismos homólogos nacionais e internacionais como arquivo e mediateca membro da International Federation of Film Archives, así como a xestión ordinaria da entidade. A entidade cubrirá o posto de programador que queda vacante seguindo o procedemento e prazos ordinarios marcados por Función Pública da Xunta de Galicia e tan axiña como sexa posible, segundo manifestaron a este medio.

Jaime Pena Pérez é licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Ata a actualidade viña ocupando o posto de programador da Filmoteca de Galicia desenvolvendo labores de coordinación da programación anual cinematográfica, así como actividades formativas e publicacións. É tamén profesor do Máster en Produción e Xornalismo Audiovisual da Universidade da Coruña e Fundación Santiago Rey-Fernández Latorre e do Máster de Crítica Cinematográfica (ECAM-Caimán Cuadernos de Cine) e membro do Comité de Redacción e colaborador regular da revista especializada Cahiers du Cinema (2007-2012) e da súa continuadora, Caimán Cuadernos de Cine (desde 2013). Como autor, asinou os libros 'Ramón Torrado, cine de consumo no franquismo' (CGAI-Xunta de Galicia, 1993), 'La Coruña y el cine' (Vía Láctea, 1995), 'El espíritiu de la Colmena' (Paidós, 2004), 'Cine Español. Otro trayecto histórico' (IVAC, 2005), os tres títulos xunto a José Luis Castro de Paz, e 'El cine después de Auschwitz. Representaciones de la ausencia en el cine moderno y contemporáneo' (Cátedra, 2020). E como coordinador participou noutra decena de volumes e ten escrito colaboracións en preto de medio centenar de libros colectivos que abordan aspectos históricos ou de análise sobre distintos períodos temporais ou territorios.

Que che parece esta nova?
92 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito