Recuperan en Caldas unha ara dedicada ao deus galaicorromano Edovio

Foi localizada pola asociación Terra Calda

Ara de Edovio. Foto: Asociación Terra Calda
Ara de Edovio. Foto: Asociación Terra Calda
En 2018 aparecía na publicación especializada Ficheiro epigráfico da Universidade de Coímbra un artigo no que se daba noticia dunha nova 'inscrición votiva' en Caldas de Reis. O artigo sinalaba que a ara se atopaba nunha finca da parroquia de Santo André de César, procedente de reformas urbanas no centro da vila. A noticia puxo sobre aviso á asociación Terra Calda, que indagou por ver se a ara estaba xa catalogada e localizada por Patrimonio. Ao ter resultados negativos, os membros da asociación comezaron a procurar a ara, ata que deron con ela nunha finca forestal da parroquia e procederon a comunicar a Patrimonio o achado. O Museo de Pontevedra, como depositario dos bens arqueolóxicos provinciais, recibiu o pasado 29 de outubro a peza. Segundo os investigadores Juan Manuel Abascal, Héitor Picallo e Xoán M. Losada, a ara está dedicada por un oferente chamado Lucius Caburius, de probable orixe indíxena, ao deus Edovio. O achado ten importancia porque afianza a presenza deste deus, de posible orixe galaica, no contorno das termas romanas de Caldas. É a terceira ara dedicada a esta divinidade, da que se descoñecen máis trazos, da que hai constancia en Galicia. As fontes termais da antiga Gallaecia contaban con divinidades propias de orixe indíxena que nos falan do posible uso -non constatado arqueoloxicamente polo momento- deses espazos como parte do simbolismo da Idade do Ferro. Deste xeito, nas Burgas ourensás rexía o deus Reve Anabaraego, en Guitiriz a deusa Cohvetena e no norte de Portugal o deus Bormanico.