O Gaiás reivindica a literatura fantástica e de terror cunha exposición

A Biblioteca de Galicia acolle a mostra de pezas bibliográficas que pon en valor este xénero

A Biblioteca de Galicia acolle a mostra de pezas bibliográficas que pon en valor este xénero
O rico imaxinario galego sobre lendas e fantasía é unha das bases sobre as que se constrúe a exposición bibliográfica 'Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego', que aproveita estas datas de Samaín e Defuntos para presentarse ao público no vestíbulo da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura. Trátase dunha exposición de montaxe propia comisariada pola escritora Alba Rozas Arceo e o técnico da biblioteca Lorenzo Romero Castro, que pretende reivindicar a importancia deste xénero literario, moitas veces estigmatizado como 'menor' e decotío asociado a un público infantoxuvenil. Esta mostra, a través de máis de 100 pezas bibliográficas custodiadas na Biblioteca de Galicia, así como gravados, manuscritos e outros materiais achegados por autores e autoras expostas, pon en valor a literatura fantástica tanto escrita orixinalmente en galego como a traducida ao noso idioma.

A exposición divídese en catro seccións: tradición popular galega, fantasía, ciencia ficción e terror. Cada sección distribúese á súa vez en tres subseccións que afondan nun aspecto do xénero a tratar, compoñendo un total de 12 vitrinas. O discurso expositivo desta mostra compleméntase coas ilustracións de Iago Torres París. De xeito transversal ás catro seccións que conforman a exposición, poderemos realizar unha viaxe pola historia da literatura fantástica na nosa lingua. Na exposición atopamos figuras tan relevantes para a recuperación e revalorización da nosa cultura como Risco, Dieste, Castelao, Cunqueiro, Méndez Ferrín ou Ánxel Fole; pasando por creadores que continuaron este legado e foron abrindo novos vieiros finalizada a ditadura como Darío Xohán Cabana, Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas ou Suso de Toro, entre outros. A mostra sinala nos comezos deste século un feito decisivo: o nacemento de Urco, primeira editorial especializada en literatura fantástica en galego. A mostra estará na Biblioteca de Galicia ata maio de 2025.