Constitúese o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade

O Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no acto de constitución

O Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no acto de constitución
Constitución do Obvservatorio da Lusofonía Foto: Xunta de Galicia
Algo máis dun ano despois da publicación do decreto da súa creación, e superando moito os prazos marcados polo mesmo, hoxe quedou oficialmente presentado e constituído o Observatorio da lusofonía Valentín Paz Andrade, un órgano que estará integrado polas entidades galegas relevantes na relación con estes países, tanto a nivel lingüístico como noutros eidos, e que terá como obxectivo asesorar a Xunta, formular plans de acción e deseñar actividades de coñecemento ou de intercambio. A creación do Observatorio prodúcese en cumprimento do mandato legal de desenvolvemento normativo contido no artigo 28 da da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, coa intención de recoñecer e intensificar os lazos con todos os países de lingua oficial portuguesa.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no acto de constitución e remarcou a oportunidade de continuar estreitando a enorme "ventaxa competitiva" que representan os lazos lingüísticos que unen Galicia e o norte de Portugal e apostou por dar un maior impulso ás relacións sociais, culturais e económicas cos países lusófonos e defendeu que Galicia cumpre todas as condicións para exercer un papel relevante como "ponte" entre o mundo lusófono e os países hispanos.

O Observatorio adscríbese á consellería competente en materia de acción exterior e para alcanzar os seus obxectivos contará co apoio e soporte da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Na nova entidade, ademais dos departamentos da Xunta, están representadas a Administración Xeral do Estado español, a Administración portuguesa e os observadores consultivos en Galicia da Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP), co Consello da Cultura Galega, a Academia Galega da Língua Portuguesa e a Associação de Docentes de Português na Galiza. Tamén forman parte da entidade a AECT da Eurorrexión, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal, e outros organismos con intereses políticos, sociais, económicos e culturais na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como a asociación Ponte nas Ondas.