Antón Riveiro Coello gaña o Premio San Clemente por 'Hotel Carioca'

O autor galego está acompañado no palmarés por Alejandro Zambra, en lingua castelá e Maggie O'Farrell

O autor galego está acompañado no palmarés por Alejandro Zambra, en lingua castelá e Maggie O'Farrell
Comunicación pública do ditame dos xurados Foto: IES Rosalía de Castro
A novela 'Hotel Carioca' (Ed. Galaxia, 2023) coa que Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964) gañou o Premio Álvaro Cunqueiro ven de darlle ao escritor outra alegría ao ser a elixida polo xurado de estudantes de bacharelato da 28.ª edición do Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente. Xunta el, que foi recoñecido na categoría de novela en galego, o palmarés tamén recolle os galardóns en lingua castelá para Alejandro Zambra (Santiago de Chile, 1975) por 'Literatura infantil' (Anagrama), e para a autora irlandesa Maggie O'Farrell (Coleraine, 1972) na categoría de literatura internacional, por 'El retrato de casada' (Libros del Asteroide). O certame organizado polo IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela conta coa particularidade de que o xurado está formado por alumnado de bacharelato, nesta ocasión, de dez centros educativos: seis galegos, un de Madrid e tamén participaron estudantes do Lycée Santi François Xavier de Vannes (Francia), do Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña) e o Hockerill Anglo European College (Reino Unido).

O fallo dos xurados das tres modalidades deuse a coñecer esta mañá no IES Rosalía de Castro, nunha sala de claustros ateigada de alumnos e alumnas. No anuncio participaron o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila; o secretario xeral de Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Valentón García, e a directora do centro compostelán, Gemma Paredes. Respecto á obra gañadora na categoría de novela galega, 'Hotel carioca', o xurado destacou no seu ditame "a maxistral construción" da novela para ensamblar "distintas tramas en distintas épocas" e a súa "variedade temática", na que se abranguen asuntos universais como "a emigración, a familia, a homosexualidade". Nesta mesma categoría ficaron como obras finalistas 'Diario de dúas casas', título de María Villamarín de Euseino? Editores, e 'O ano das mazás', de Montse Ferreira Fervenza (Xerais).