Un total de 17.000 persoas participaron nas feiras do libro en 2024

O 80% das visitas mercaron algún volume nestes eventos

O Consello da Xunta deste 21 de outubro avaliou un informe sobre as feiras do libro de Galicia dos últimos dous anos, que organizan a Federación de Librarías co apoio da Xunta. Segundo este texto, un total de 17.000 persoas participaron nestes eventos ao longo de 2024. A cifra supón un incremento de máis de 10.000 visitantes respecto aos datos de 2022.

O informe sinala tamén que nas 13 feiras que percorreron Galicia ao longo deste ano se realizaron un total de 900 actividades, 600 máis que hai dous anos, a incluír "sinatura de libros, presentación de novidades, recomendacións literarias, charlas e coloquios con creadores, espectáculos, musicais e propostas específicas para o público infantil".

O 80% da asistencia mercou algún libro nestes espazos, cunha cifra de venda total de 55.000 exemplares, dos cales o 35 % estaban escritos en galego. O datos deste informe sinalan que se xeraron máis de 800.000 euros de volume de negocio. A Xunta cifra nesta actividade un retorno para a sociedade por cada euro investido de 1,93 euros.