A Illa de San Simón acolle un encontro sobre lugares de memoria da represión franquista

O Consello da Cultura organiza esta actividade o 4 de outubro

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
A Illa de San Simón acolle un encontro sobre lugares de memoria da represión franquista

Coa intención de responder á cuestión "Que facer cos espazos de memoria da represión franquista en Galicia no día a día?" o Consello da Cultura Galega organiza este 4 de outubro unha xornada na Illa de San Simón. A xestión dos lugares de memoria da represión franquista abordará a problemática dalgúns dos máis destacados espazos deste tipo existentes no país.

Canda a estes casos concretos, a actividade amosará a xestión de espazos de memoria similares fóra de Galicia. Así, Xosé M. Núñez Seixas, impartirá unha conferencia sobre "Lugares de memoria e pasados traumáticos: unha ollada europea", José Miguel Gastón, do Instituto Navarro de la Memoria, explicará "A xestión dos lugares da represión franquista en Navarra", mentres Queralt Solé, da Universitat de Barcelona, tratará o caso catalán.

O tratamento dos casos galegos correrá a cargo de Emilio Grandío, que falará de "Lugares de memoria do pasado traumático na Galicia actual", mentres a mesa "Experiencias e perspectivas de xestión dos lugares de memoria", moderada por Montse Fajardo, contará con Manuel Pérez Lorenzo, Xosé Manuel Suárez, Cristina Fiaño e Digna Rivas a tratar os casos do Pazo de Meirás, o Castelo de San Filipe, O Vello Cárcere de Lugo e a propia illa de San Simón.

Segundo salienta o Consello, a xornada "tenta dar respostas e fornecer reflexións para unha cuestión básica á hora de deseñar as políticas da memoria e xestionar o acceso aos lugares que lembran un pasado incómodo: como conseguir que eses espazos sigan vivos na lembranza, como homenaxe ás vítimas, ilustración da natureza criminal da ditadura franquista e fonte de aprendizaxe para a convivencia democrática no presente e no futuro? Cales son as experiencias acuguladas en diferentes lugares de memoria emblemáticos en Galicia e noutras terras?".

Que che parece esta nova?
79 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Illa de San Simón, Consello da Cultura Galega, Montse Fajardo, Emilio Grandío...