Xosé Manuel Beiras será homenaxeado como 'Escritor na súa Terra'

O político e economista recibira o recoñecemento da asociación de escritores pola súa traxectoria como ensaísta e tradutor

Xosé Manuel Beiras        Imaxe: Wikipedia
Xosé Manuel Beiras Imaxe: Wikipedia
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) elixiu a Xosé Manuel Beiras Torrado para recibir a 'Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E' en 2025. O Consello Directivo da asociación así o ratificou destacando, dentro da súa extensa traxectoria vital, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986. Esta iniciativa anual conforma unha tradición da Asociación ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra natal ou de acollida da persoa homenaxeada ten unha presenza fundamental. Xosé Manuel Beiras (Santiago de Compostela, 1936) político, economista e escritor de ensaio, será obxecto da entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), e con el levarase a cabo a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor e a colocación dun monólito conmemorativo. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras.