A escritora e mestra Gloria Sánchez é a nova socia de honra da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), un galardón co que a entidade "recoñece o traballo a prol da literatura infantil e xuvenil galega das persoas galardoadas, así como o seu compromiso e colaboración coa entidade que outorga o recoñecemento". Sánchez tivo unha longa traxectoria literaria na que sobrancean Fafarraios (Premio Merlín 1990 e Lista de Honra IBBY 1994), O Doutor Rus (Premio Edebé de Literatura Infantil, 1995), Chinto e Tom (Premio Lazarillo 2000 e Lista White Raves 2002) e Dez piratas (Premio Frei Martín Sarmiento 2007). A entrega da distinción será o vindeiro sábado 14 de setembro ás 12 h. na biblioteca Ánxel Casal.