Rosalía Fernández presenta o disco de poesía "De centeo e durmideiras"

A artista multidisciplinar ofrece os seus versos musicados no xénero de 'palabra falada'

Capa do libro e do disco
Capa do libro e do disco
"De centeo e durmideiras" (Ferror Records, 2024) é un disco de poesía, "palabra falada" como performance poético-musical. Rosalía Fernández Rial (Muxia, 1988) asina este traballo que supón o seu segundo disco en solitario tras "Desnortada" (Ferror Records, 2021). Como acordeonista Rosalía forma parte do grupo Chicharrón. Tanto este álbum como o anterior son homónimos de obras literarias publicadas pola multidisciplinar artista. Neste caso os seis poemas que poden ser escoitados están recollidos tamén no libro "De centeo e Durmideiras" (Cuatro Lunas, 2024), publicado nunha edición bilingüe por Cuatro lunas, un selo editorial de Kalandraka. Para este traballo de spoken word Rosalía asumiu ademais da voz, o acordeón e sintetizador, facéndose acompañar na zanfona por Guillermo Reiriz e na produción artística por Manolo Dourado. Nas texturas de cada poema contan moito como parte indispensable os sons de natureza, que foron engadidos por Belén Lorenzo, grazas a eles atopamos o máis orgánico e vivo destes poemas cuxo acompañamento musical, como unha rede, enlaza todo o álbum nun continuo.