Pedras que saben gardar silencio

Remata a intervención arqueolóxica na Corte do Santo (A Pobra do Caramiñal) amosando un espazo complexo e esquivo na información

Remata a intervención arqueolóxica na Corte do Santo (A Pobra do Caramiñal) amosando un espazo complexo e esquivo na información
Intervención arqueolóxica na Corte do Santo. Foto: M.G.
Achegarse á Corte do Santo desde a ponte da Portela, nos Chans do Barbanza, é toda unha experiencia. O vello camiño discorre por unha lomba de piñeiros que leva ata un meandro do río Barbanza que, máis abaixo e despois dun percorrido abrupto, pasa polo mosteiro de san Xoán da Misarela e as famosas piscinas do río Pedras. Velaquí un equipo de arqueólogos do proxecto ECOLOC da Universidade de Santiago de Compostela -baixo a dirección do profesor José Carlos Sánchez Pardo- e a empresa Tempos Arqueólogos estiveron investigando un xacemento singular que ten dado moito que falar na Pobra do Caramiñal e no Barbanza. O proxecto foi cofinanciado polo concello da Pobra do Caramiñal e contou coa colaboración da comunidade de montes de Santo Isidro, titular do terreo.

O topónimo 'A Corte do Santo' co que se coñecía unha pequena estrutura de grandes pedras localizado neste meandro xoga con dous termos aparentemente contraditorios: a Corte leva a pensar nunha pequena construción para gardar animais. O Santo parece aludir a algunha memoria moi distante dun uso relixioso deste espazo, ben como algún tipo de capela, ou ben como algún eremitorio no que vivira algún ermitán que posteriormente cobrara sona de santo popular. O apartado do espazo, a súa inaccesibilidade e o intrigante topónimo fixo pensar que este lugar puidera ser algún tipo de eremitorio no que se viñera á procura da soidade e do silencio ascético.

A intervención arqueolóxica na Corte do Santo, dirixida por Mario Ramos, quen prepara a súa tese de doutoramento sobre o poder no Barbanza na época altomedieval e escavou o ano pasado o enclave altomedieval do castelo de San Mamede (Lousame), revelou que o sitio é máis complexo do que parece. Se a simple vista se observaba unha estrutura situada nunha pequena terraza natural nunha empinada caída cara o río, agora todo o entorno se revela como un espazo máis complexo, con máis posibles estruturas, un peche e mesmo unha especie de presa no río.

A escavación súmase ás diferentes intervencións arqueolóxicas levadas a cabo nos últimos anos polo GEAAT (Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio) tamén da USC. Nelas estudáronse diferentes grupos de cabanas localizadas na serra do Barbanza, atopando dilatadas ocupacións que percorren unha ampla cronoloxía que vai desde a Idade do Bronce, a Idade do Ferro, a época romana ou a altomedieval. Algunha destas pequenas aldeas de montaña atópanse non moi lonxe da propia intervención na Corte do Santo. Pero hai unha diferencia entre todas esas intervencións e este recóndito lugar. Nas cabanas escavadas aparecen fogares, numerosos fragmentos de cerámica, restos de útiles líticos, anacos de muíños. Todos testemuñas de espazos domésticos moi vivos.

Porén, na Corte do Santo a intervención arqueolóxica amosou un número ínfimo de materiais. Os arqueólogos tiveron que retirar unha inxente cantidade de pedras do interior da estrutura para chegar a un chan de ocupación no que unicamente apareceron tres anacos de cerámica moi fragmentada e uns fragmentos de lousa que poderían pertencer ao tellado, aínda que polo momento só é unha sospeita. Estes últimos chamaron a atención dos arqueólogos, xa que a lousa non é un material tradicional do teitado da zona. O que ten claro Mario Ramos é que "o abandono se fixo de xeito moi ordenado. Levaron todo o material". Pero tamén parece apuntar cara outro tipo de funcións non domésticas para a estrutura.


Interior da estrutura coa pía labrada na rocha en primeiro plano

Polo momento os datos, aínda pendentes de análises máis repousadas, non permiten consolidar unha hipótese sobre a funcionalidade do lugar. A ausencia dun fogar no interior induce a pensar que tivo un uso non doméstico; a dificultade de acceso á entrada e o reducido da dimensión fai difícil considerar que puidera ser algún espazo de estabulación. Ao tempo, a ausencia de materiais vinculados ao culto relixioso non permiten afirmar ou descartar nada en relación ao seu uso hipotético como eremitorio como se viña tradicionalmente considerando en diversas publicacións. Algúns achados súmanse á incógnita: por exemplo, parte da rocha nai, no interior da estrutura foi rebaixada e nela practicouse unha especie de oquedade que, ao tempo, non parece profunda abondo para un uso como contentor dun gran volume líquido. Porén, o xeito no que está intervido todo o outeiro, con muros e cercados con grandes pedras, resulta moi rechamante.

O concello da Pobra do Caramiñal está interesado en realizar unha segunda intervención que permita explorar máis a complexidade da Corte do Santo e avanzar na interpretación dun enigmático xacemento. Unha antiga lenda da Pobra falaba de que na beira do río, San Xoán vivía río abaixo -no convento da Misarela- e santo Amaro -unha figura de gran devoción na Pobra do Caramiñal- río arriba. Cando san Xoán pasaba fame, queixábase de que santo Amaro, desde o alto do monte, botaba as mondas das laranxas que comía polo río abaixo e chegaban a el para darlle envexa. Atopar as mondas das laranxas de santo Amaro na Corte do Santo non está sendo fácil. Pero ninguén dixo que a Arqueoloxía fose un camiño sinxelo.