Adrián Pérez Bote gaña o Illa Nova de Narrativa

A novela ' Baixo o ceo de xeo' acadou a unanimidade do xurado

Adrián Pérez Bote
Adrián Pérez Bote
O Xurado do VIIIº Premio Illa Nova de Narrativa para autores e autoras menores de 35 anos decidiu por unanimidade outorgar o galardón deste ano á obra 'Baixo o ceo de xeo', do autor Adrián Pérez Bote. Da obra premiada o xurado destaca que é unha novela "moi orixinal ao facerse cargo de toda unha tradición de xéneros que explicita e que se resolve na construción dunha trama que crea un universo propio". Así mesmo sinal como a obra "participa dunha corrente xeracional de narración, xoga con moitas referencias lectoras, ao tempo que conxuga a fantasía e a ciencia ficción con mestría. A autor emprega a complexización dos subxéneros para se interrogar a construción de mundos ficcionais dunha maneira moi suxestiva", explican. Na obra o autor desenvolve "un argumentario intelixente" arredor de temas diversos como a empatía cara a outras sociedades oprimidas, o anticolonialismo ou a crítica social. "Unha análise sociolóxica que avanza a carón dos dous personaxes principais que se constrúen con profundidade, ben caracterizados e que, novamente, mostran o dominio do autor na construción desta magnífica novela", conclúe o xurado.

O premio supón a publicación da obra e 3.000 euros en metálico. Convocados por Editorial Galaxia coa colaboración do Ámbito Cultural El Corte Inglés estes premios creáronse en 2017 para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación entre as novas voces da literatura. O xurado nesta ocasión estivo conformado por Iago Fernández, Miriam Ferradáns, Karla González Miravete, Iria Morgade e Pablo J. Rañales; con Malores Villanueva como secretaria do xurado, en representación da Editorial Galaxia. Segundo a súa acta, Adrián Pérez Bote desenvolve na obra gañadora "unha escrita moi expresiva, estilísticamente moi visual e con descricións orixinais que non lle restan ao ritmo áxil que domina dende o comezo da novela".