Premio estatal Liber 2024 para Espazo Lectura

A federación de editoriais considera que é a mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público

A federación de editoriais considera que é a mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público
A asociación Espazo Lectura do Val Miñor vén de recibir o Premio Liber 2024 á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público do Estado, que outorga a Federación de Gremios de Editores de España (FGEE). Na súa decisión, a FGEE valorou "o traballo modélico e voluntario" para a promoción da lectura entre a cidadanía que desenvolve Espazo Lectura desde 2006, e que, segundo a Federación, "debería estenderse a todo o territorio nacional, instalándose coma un claro exemplo a seguir". As actividades de Espazo Lectura artéllanse baixo tres grandes liñas de acción: a creación e animación de clubs de lectura; a difusión e sensibilización; e a formación especializada no fomento da lectura. Espazo Lectura recibiu tamén este ano o Premio Follas Novas de Promoción da Lectura.


Espazo Lectura é unha entidade non gubernamental creada co obxectivo de promover e fomentar a lectura en lingua galega. Fundada en Gondomar, na comarca do Val Miñor de Pontevedra, organiza e desenvolve actividades sen ánimo de lucro que teñen como principal obxectivo promover a lectura. Actualmente, Espazo Lectura conta, ademais dos socios ordinarios, cuns 40 socios protectores, entre os que se atopan editoriais, centros educativos e librarías.

Este galardón destaca tamén o traballo da asociación miñorana por establecer lazos e colaborar con distintas institucións e administracións durante os seus 18 anos de vida, así como con centros educativos da comarca, a través de múltiples actividades. A entidade recollerá o premio o vindeiro 2 de outubro no Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC), en Barcelona, no marco das actividades de Liber 2024, recoñecida internacionalmente como unha das principais citas feirais para a exportación, mostra e promoción da edición en español.