Descobren catro incunables na Biblioteca Franciscana de Santiago

Canda a estes, localizouse a metade dos 76 volumes deste tipo que custodia o centro

26/6/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

Páxina do Fasciculus Temporum. Fonte: Biblioteca Franciscana

A Biblioteca Franciscana de Santiago de Compostela daba a coñecer o pasado 18 de xuño a aparición entre os seus fondos de catro volumes incunables dos que non se tiña noticia. A descuberta produciuse durante os traballos para localizar parte da colección de obras deste tipo xa rexistradas no seu catálogo, e dos que non se coñecía a localización. Con este achado, suman xa 76 o número de libros impresos antes do ano 1500 en posesión deste centro.

O interese por reunir a situación física da metade da colección de incunables da biblioteca, que nalgún momento se trasladou dentro das instalacións sen ficar rexistro da súa localización, motivou a investigación que deu no achado das catro novas pezas.

Segundo publicou a entidade nas súas redes sociais, os volumes que se incorporan á colección da Biblioteca Franciscana son Forma nouiciorum, do franciscano David de Augusta, impreso en Sevilla por Meinardo Ungut e Estanislao Polono en 1497. Do mesmo ano e orixe, Convento de Santo Antón de Herbón, é Explanatio Psalmorum, escrito por San Agustín e impreso en Basilea (Suíza) por Juan de Amerbach.

Canda a estes, a descuberta inclúe tamén a Vitae Pontificum, de Bartolomeo Platina impresa por Juan Rosso de Vercelis en Treviso (Italia) e mais o Fasciculus temporum, vel Chronica ab initio mundo, do monxe cartuxo Werner Rolevinck, impreso por Erhard Ratdolt en Venecia. Estes dous volumes proceden dos fondos da Congregación beneditina de San Mauro, e están datados no ano 1485.

A investigación permitiu tamén localizar os incunables que se atopaban perdidos entre os fondos da biblioteca, que se sitúa nas instalacións do convento compostelán de San Francisco.

Que che parece esta nova?
34 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Santiago de Compostela, Suíza, Italia, Sevilla

Claves

Conceptos