A Misión biolóxica de Galicia, fundada en 1921, continúa a estar na vangarda das investigacións agrarias

Misión na vangarda

En 1921 nacía a Misión Biolóxica de Galicia, un centro que pretendía analizar e resolver os problemas da agricultura galega. Logo de pasar por diferentes emprazamentos, en 1928 o pazo de Gandarón coa súa correspondente finca en Salcedo, Pontevedra convertíase na sede desta institución. Desde aquela, e ata o día de hoxe, a Misión é un centro de vangarda na análise e mellora de especies destinadas ao agro galego, con investigacións de grande relevancia a nivel internacional.

Todo comezou cara a 1920 cun proxecto da Junta para la Ampliación de Estudios, dependente do Ministerio de Instrucción Pública. Esta entidade quería ampliar o seu labor de actuación ás provincias de España. Aproveitando esta circunstancia, a Real Sociedade Económica de Amigos do País, con sede en Compostela, ofreceuse a colaborar coa Junta para crear un laboratorio de aplicacións biolóxicas aplicadas. Deste xeito púxose en marcha un equipo de traballo dirixido por Cruz Gallástegui e no que colaboraban entre outros o veterinario Rof Codina.

Cruz Gallástegui
Gallástegui converteuse durante moito tempo na alma da Misión Biolóxica de Galicia, e realizou destacados estudios sobre a hibridación do millo, procurando melloras nas especies para conseguir espigas maiores e con máis grans. Neste sentido o seu traballo foi pioneiro en Europa, ao poñer por primeira vez híbridos desta planta ao dispor dos agricultores. Tamén experimentou con cincuenta variedades de patacas do país e de fóra, introducindo variedades de maior rendemento e iniciando a producción de patacas de semente. No mesmo sentido mellorou especies hortícolas e forraxeiras e conseguiu un método para evitar a enfermidade da tinta dos castiñeiros que salvou esta especie da praga no noso país. Por se fose pouco, Cruz Gallástegui revolucionou tamén a cría de gando porcino, creando a especie que se ve actualmente pola maior parte de Galicia e mellorou tamén a cabana vacuna cun centro de fecundación e control de leite e manteiga para a raza rubia galega.

Sucesores
Moitos outros nomes continuaron máis tarde a estela de Gallástegui na busca de estudiar as variedades de cultivos e de gando do país e mellorar a producción agrogandeira. Deste xeito, Miguel Odriozola propuxo melloras na explotación do gando porcino, os irmáns Blanco González obtiveron nos híbridos de millo, Ernesto Viéitez continuou as investigacións sobre o castiñeiro... A Guerra Civil supuxo unha creba na dinámica que ata entón desenvolvía o centro e levouno a depender do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, dentro do cal continúa encadrada a misión na actualidade. De calquera xeito, o seu traballo continuou, con altos e baixos, na mesma liña de mellora de cultivos.

Gardiáns da variedade
Na actualidade, e continuando esa tradición, a misión desenvolve investigacións punteiras sobre especies animais e vexetais. Neste sentido, aínda no 2004 a Deputación de Pontevedra recoñecía a importancia dun estudio desenvolvido no centro sobre os xenes do millo. A intención de boa parte destes estudios é coñecer e conservar a variedade xenética das subespecies autóctonas do millo. Tamén están a recoller mostras de especies de xudías, coles, grelos, vides... especies que os agricultores foron seleccionando para conseguir unha maior adaptación ao medio e que poden conter xenes útiles para a agricultura galega actual. Deste xeito, investigadores da Misión percorreron toda Galicia buscando en agros e leiras vellas variedades de cultivos ata conseguir un completo catálogo de productos do país.

Melloras
Desde o centro sinalan que están a establecer contactos con diferentes productores de agricultura ecolóxica interesados en recuperar variedades autóctonas máis resistentes a enfermidades e que se desenvolven ben sen necesidades de herbicidas nin doutros productos químicos. De cara á mellora non só da producción agraria, senón tamén da calidade dos productos, na propia misión están a elaborar experimentalmente viño a partir de variedades de vide autóctonas non explotadas, e traballan obtención de novas especies de millo que dean mellores flocos ou de coles que teñen un mellor sabor. A máis longo prazo están investigando as posibilidades que algunhas subespecies autóctonas poidan ter propiedades anticanceríxenas gracias á variedade deste tipo de cultivos que se conservou no país.

Abrindo o coñecemento
Durante o último ano, a Misión Biolóxica viu impulsado o seu traballo coa inauguración de novos laboratorios destinados á mellora xenética de vexetais, a través de fondos europeos. No pasado mes de maio, o centro acollía o X Congreso Nacional de Ciencias Hortícolas. Desde a dirección sinalan que un dos grandes retos que lle queda ao centro é dar a coñecer o seu traballo de cara ao grande público e que a xente sexa consciente das posibilidades prácticas que se derivan das investigacións que fan en Salcedo e que aínda teñen un longo camiño por diante.