As 'Afinidades selectivas' xuntarán creadores galegos e do resto das linguas estatais

Quince espazos en Galicia acollerán estes encontros a dúas voces que tamén levarán a autores galegos polo resto do Estado

A quinta edición do programa de encontros literarios Afinidades Electivas impulsado desde o Ministerio de Cultura chegará este ano a 15 espazos en Galicia (cinco librarías na provincia de Pontevedra, sete na provincia da Coruña e en Lugo dúas librarías e unha fundación), dous máis que o anterior ano. A iniciativa, que organiza a Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura desde 2020, reúne en cada encontro nunha libraría a dous autores que escriben en diferentes linguas de España, co obxectivo de dialogar sobre as súas semellanzas, diverxencias ou conexións. En Galicia o primeiro destes encontros terá lugar o vindeiro 4 de xullo na Libraría Seijas de Pontevedra, reunindo a autora de banda deseñada Nuria Díaz Berride (Vilagarcía de Arousa, 1983) coa ilustradora Esther Gili (Madrid, 1981).

Ata o 20 de outubro autores galegos de distintos xéneros, como Alba Cid, Samuel Merino, Marilar Aleixandre, Berta Dávila, Xaime Domínguez, Luz Pichel,m Ismael ramos ou Montse Fajardo, entre outros percorrerán librarías do resto do Estado e tamén estarán nas citas en Galicia. En total no programa participan 172 creadoras e creadores, que escriben en castelán, éuscaro, galego, valenciano, catalán, aragonés e bable. O obxectivo do programa é impulsar a actividade das librarías independentes, así como a de autores e autoras, dando protagonismo nos encontros á pluralidade e diversidade lingüística e literaria. O título, 'Afinidades Electivas', inspírase na obra homónima de Goethe, que defende que "só se pode entender o alleo ao ter entendido aquilo co que es afín".As librarías galegas que acollerán este programa serán: Brétema, NÚMAX, Biblos, Berbiriana, Bandini, Couceiro (A Coruña e Santiago), Bahía, Trama, Seijas, Libros para Soñar, Miranda, Arte Ciencia, Paz e a Fundación Uxío Novoneyra.