Tecnoloxías de toda a vida

A nova campaña no castro das Barreiras (Vimianzo) exhuma unha fouce da Idade do Ferro

A nova campaña no castro das Barreiras (Vimianzo) exhuma unha fouce da Idade do Ferro
A fouce localizada no castro das Barreiras. Foto: Árbore Arqueoloxía
Cada ano que pasa o equipo arqueolóxico que traballa no castro das Barreiras (Vimianzo) vai ampliando o exhumado nas campañas anteriores. "Eu xa lle chamo o módulo tipo Barreiras", bromea Ángel Concheiro, director das intervencións arqueolóxicas, e que non é partidario de ir abrindo novas áreas nos xacementos illadas entre si, que producen moitas veces confusión no visitante. O 'módulo Barreiras' vén consistindo nunha cabana e dez metros de muralla. "Este ano cambiamos o sentido das ampliacións, e tiramos cara o norte, para poder monumentalizar o xacemento, xa que as intervencións neste castro teñen unha gran vocación didáctica", explica. De feito, a gran altura conservada no castro das Barreiras permite aos visitantes case unha 'vista aérea' sobre este poboado da Idade do Ferro.

Porque as Barreiras é sobre todo un castro do val. Localizado no medio do val de Vimianzo, as intervencións arqueolóxicas promovidas polo concello de Vimianzo levan desde o 2018 escavando un castro que Concheiro define como "moi galaico norteño" e que se desenvolveu sobre todo entre o século IV a.C. e o cambio de era. "Documentamos unha ocupación moi pequena de época do cambio de era, pero non sabemos se esa fase foi devastada ou se o poboado chegou máis activo. Pero un poboado coma este, tan indíxena, tan agrario, tiña todas as de perder cando Gallaecia se integra na órbita romana e aparece unha nova xestión", explica Concheiro.


A nova cabana exhumada. Foto: Árbore Arqueoloxía

O certo é que toda a intervención nas Barreiras vai dando conta da vida dun pequeno poboado agrario. A nova estrutura exhumada, da que polo momento só se deu escavado a metade, confirma unha ocupación doméstica, aínda que ao redor da porta de entrada os arqueólogos de Árbore Arqueoloxía documentaron unha serie de furados de poste que parecen indicar a existencia dun soportal. "Neste castro había moita madeira", sinala Concheiro, "hai que imaxinalo coma estas aldeas que teñen tellados os patios comúns". A nova casa ofreceu menos material cerámico que as anteriores, pero canda outros materiais cerámicas como argolas, en compensación devolveulles un obxecto excepcional en moi bo estado de conservación. "Trátase dunha fouce enteira, co seu espigo. Ten o mesmo tamaño que as nosas actuais, uns corenta centímetros de arco, só que esta ten o arco máis pechado", explica Concheiro. Non é o primeiro dos obxectos de ferro singulares atopados nas Barreiras, onde hai anos xa se exhumou un coitelo de ferro. A fouce apareceu no soportal desta cabana, posiblemente no lugar no que foi abandonada ou depositada orixinalmente. A fouce permite ver como determinadas ferramentas teñen unha gran pervivencia no campo galego.

O castro acentúa así a súa conexión coa cultura local. Cando os veciños visitan o xacemento, prestan atención ao modo singular no que están practicados os chanzos para acceder á muralla. "Son como para subir ás nosas leiras!", lembra Ángel Concheiro. O fouciño permite ver como determinadas tecnoloxías agrarias levan milenios en Galicia.

A campaña deste ano tamén permitiu ver como o corredor que separaba a muralla das casas foi tamén colonizado nalgún momento por estruturas. "Seguramente debido á presión demográfica do poboado ocuparon espazos inicialmente non deseñados para iso", aventura Concheiro, quen está a deseñar xa a seguinte campaña no castro.