O Season Fest entra en pausa para recuperar a súa esencia

O festival anula a edición deste ano e volverá cunha aposta de pequeno formato

Desde o ano 2019 e ata o pasado 2023 o Season Fest pasou varios procesos de cambio que mudaron moito o seu concepto inicial, agora os seus responsables fan un parón cando xa estaba asignadas datas para unha nova edición este mes de xuño malia que non se presentara cartel. Esta pausa, que mira cara ao vindeiro 2025, preséntase como necesaria para "redimensionar" o evento e volver ao formato orixinal, que consideran a súa referencia do que realmente desexan para este festival. A través dunha comunicación nas súas redes sociais, os organizadores do festival, a empresa Recados Carmen, anuncian uns meses de parada e "reflexión para pensar como volver, e como non volver". O que se presenta a si mesmo como "gran festival de pequeno formato" fai un exercizo de reflexión pouco habitual nun sector no que o crecemento continuo como mantra é unha corrente á que poucos presentan resistencia, aínda que os riscos existan, por exemplo o de perder a esencia da experiencia que un quere crear.

A modo da personaxe de Peter Pan, o Season Fest ten claro que non desexa crecer, "queremos seguir sendo cativos", aseguran. Nos anos 2019 e 2020 (este condicionados pola pandemia) o Barbeira Season fest, que incluía no nome o da praia do Concello de Baiona onde celebraba parte do seu programa, era un evento dunha soa xornada e que ofrecía no cartel artístico as actuacións de artistas e formacións emerxentes, pouco habituais de ver ou alternativas. Unha aposta por ter un cartel moi diferenciado doutras citas do verán, con nomes diferentes e buscando tamén nas súas actividades paralelas algo distintivo, íntimo e non multitudinario. Atrás quedara unha edición inicial en 2018 en Nigrán como "Stella maris. Season fest" que nada tiña que ver con iso nin coas posteriores, moi enfocada ao tirón turístico de artistas veteranos. En 2021, aínda en Baiona, o festival comezou a crecer en xornadas, pasado a ser de dous días. O cartel mantíñase moi enfocado a propostas independentes pero xa había nomes que se facían coñecidos doutros eventos, como Viva Suecia ou en menor medida Ladilla Rusa. O seguinte ano o salto foi aínda máis grande e pasou a ofrecer catro días de programa e no cartel aparecían xa nomes moi recoñecibles de atractivo para un público aínda máis numeroso, aínda que se renunciar a esa orixe "indie". Depedro, La Habitación Roja, Zahara ou León Benavente eran algúns dos artistas que encabezaban ese ano un cartel que compartía xa nomes con outras moitas citas dese verán. Nese momento o evento xa reúne máis de dúas mil cincocentas persoas e aínda poderá chegar ata as tres mil cincocentas.

Os cambios políticos no Concello de Baiona en 2023 e a diferencia de ideas sobre o festival levan á organización a tomar novos rumbos e levar o seu proxecto á veciña Gondomar. Alí trasladan un festival que estaba deseñado para a súa anterior localización e atopan uns espazos diferentes, máis propicios ao formato pequeno. Esta chegada a Gondomar e as localizacións que alí atopan para organizar o evento fan reflexionar á organización sobre o sentido do formato co que estaba a traballar. "Estábamos cunha camisa coa que non estabamos cómodos", asegura o seu director Isaac González, "estabamos aínda nun formato case mediano, relativamente pequeno, pero xa precisabamos unhas certas infraestruturas e manexabamos certas obrigas de traer a certo tipo de grupos para chegar a vender as entradas que tiñamos", explica. Para eles a súa referencia é a súa primeira edición en Baiona, en 2019, "nós nacemos para traer a Galicia bandas emerxentes e para facer convivencia entre elas e outras bandas galegas e co público da zona. Iso facíanos sentir moi cómodos", asegura e admite como co paso do tempo "iso foi perdendo importancia e todos os focos ían aos grupos grandes, e non estabamos moi cómodos con iso", explica admite que con esta parada e reflexión pretenden "volver a ese rollo" dos seus comezos e ver que poden achegar a Gondomar, "algo a medida, moi para Gondomar".

Desde a organización aseguran que os resultados da pasada edición, na que o cartel estaba encabezado por Xoel López e o valmiñorán Iván Ferreiro, foron igualmente moi bos e que todos quedaron contentos, tanto a organización como o concello, pero que este pensamento xa os viña acompañando desde fai tempo, antes de comezar as anteriores edicións. No seu comunicado o expresaN moi graficamente cun "notábamos que algo se nos estaba indo das mans". Tanto o concello como os patrocinadores foron comprensivos coa decisión que están a tomar e coa súa valentía no cambio de rumbo segundo explica Isaac, "eles na nosa postura viron que téndoo nós tan claro na nosa busca de algo que mole eles van saír beneficiados tamén".

Na viraxe e marcha atrás decrecentista do festival haberá varios factores que marcarán o formato. Por un lado a duración, que con tres ou catro días entra xa nun rango de necesidades grande; por outro o cartel, directamente relacionado co anterior en cuestión cuantitativa (na edición de 2023 houbo máis de vinte actuacións) e tamén no perfil artístico; tamén terán moito que ver as actividades paralelas do programa no relativo ao seu tamaño e capacidade de achegamento ao público. "Todo ten que ver coa experiencia final", explica Isaac, "nos primeiros anos fixemos actividades paralelas pequenas, que non chegaba a moita xente pero que resultaban moi ben e eran moi positivase iso ten que ver coa experiencia. Se hai moita xente se poden facer unhas cousas e se hai pouca pódense facer outras", asegura. Disgregar ese programa e poder ter varias cousas pola vila sería a idea na que se manexan. No relativo á parte musical teñen claro eles queren facer achegas da parte máis pequena da liña do cartel "hai moitos sitios onde poder ver grupos superguais que mola ter é un orgullo ter, pero hai outras bandas que non teñen ese oco tan garantido", explica. Para Isaac ese podería ser o propósito do festival, aquel co que naceu e ao que quere volver, "darlle voz a esas bandas que molan moito e merecen a pena pero non teñen tantos espazos e tamén darlle unha experiencia á xente que recorde e que digan: este festival é diferente por isto. Que non acabe o verán e ao ver a fotos dos festivais nos que estiveches non saibas distinguilos", esa diferencia é a que queren buscar agora e que creen que reside nese pequeno tamaño, o da convivencia entre público, artistas, patrocinadores e o espazo no que poden coidar cada detalle e asegurar a súa boa saúde cara o futuro.
Ligazóns