Malkeda reiníciase cun disco homónimo

Hoxe sae 'Malkeda' o cuarto disco dos pontevedreses

A banda de Metal pontevedresa Malkeda ten desde hoxe xa un cuarto traballo discográfico longo dispoñible coa publicación do seu disco homónimo "Malkeda" (Thornado Music), xa dispoñible nas plataformas dixitais. Se ben o feito de usar o propio nome para titular un disco adóitase facer nun primeiro ou segundo álbum e resulta pouco habitual xa na cuarta entrega dun percorrido discográfico que comezou fai 17 anos en 2007, os oito anos que separan este traballo do anterior "Cumulonimbo" (Maldito records, 2016) semella que formaron parte desta necesidade de reafirmar a identidade sonora do grupo e marcar un momento de reinicio. Cargados dun son duro, sen concesións, moi hardcore, a banda ofrece neste traballo nove temas novos, escuros nas letras, potentes na presencia e contundentes na sonoridade. O disco de Malkeda contén neste feixe temas unha reivindicación dun son con reminiscencias das grandes bandas de hardcore dos 90, un resultado no que seguro que ten moito que ver o traballo do produtor, Iago Lorenzo nos Estudios Planta Sónica de Vigo, capaz de destacar esa cualidade das composicións que as pode elevar a memorables. Para a canción "Sin futuro" o grupo contou tamén coa colaboración de Ra Díaz, baixista dos californianos Korn. En novembro do pasado ano presentaron en redes "Que asco das", que sería o primeiro dos catro avances deste álbum que hoxe mesmo sae para goce dos seguidores dos pontevedreses e do público do rock máis duro.