O Seminario Galego de Educación para a Paz traballa desde 1985 para difundir unha cultura de pacifismo no ensino

Educando no camiño

Xa o dicía Ghandi, “non hai camiño para a paz, a paz é o camiño”. Introducir este camiño coma un eixe de transversalidade no ensino, difundir os valores da cultura de paz e o respecto aos dereitos humanos son os obxectivos cos que está a traballar desde 1985 o Seminario Galego de Educación para a Paz, un colectivo que non deixa de medrar e de realizar novas propostas.

O Seminario Galego de Educación para a paz naceu en 1985 por iniciativa dun grupo de profesionais dos mais variados niveis do ensino, desde educación infantil a ensino universitario, Ao longo do tempo, fóronse sumando a esta organización profesionais de diferentes campos, facendo que as actividades do seminario saísen en boa medida do ámbito escolar e comezasen a afectar a todos os ámbitos da sociedade. Na actualidade duascentas persoas colaboran no traballo desta organización. “De entre os asociados a maioría segue a ser docente ou vencellado á docencia, pero tivemos incorporacións do mundo do dereito, da saúde, da animación sociocultural, estudiantes...”, sinala Manolo Díos, actual presidente e un dos fundadores do seminario.

Traballo nas aulas
A pesar desta diversificación, o peso que ten o mundo educativo no traballo do seminario é moito, e deste xeito a creación de unidades didácticas e de material educativo a prol da cultura de paz é un dos traballos permanentes deste colectivo. Desde a súa fundación o colectivo publicou vinteúnha unidades didácticas para tratar nas aulas cuestións coma o medo na escola, a marxinación, os dereitos humanos, a tolerancia ou o ecopacifismo entre outras. Ademais de inculcar estes valores nos alumnos, no Seminario preocúpanse de organizar cursos para formar o profesorado en prevención e resolución de conflictos dentro das aulas, é dicir, unha aplicación práctica para conseguir un contorno máis pacífico e dar alternativas ás respostas violentas e de confrontación. Tamén para os profesores se organizan cursos coa intención de conseguir esa transversalidade da educación para a paz no ensino. Unha vez ao ano, en colaboración co Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, o seminario organiza un curso de posgrao sobre programas de prevención de violencia e resolución de conflictos en educación.

Éxitos da paz
Desde o Seminario perciben que a cultura de paz, considerada coma un estado alén da ausencia de guerras e como unha perspectiva vital de cooperación e convivencia, é aceptada moi ben “alomenos teoricamente” nos lugares onde se presenta. “O concepcto de educación para a paz no mundo do ensino enténdese, outra cousa é traballar cos métodos e técnicas axeitadas, a práctica docente de cada día, as posibilidades materiais para desenvolver proxectos estables nos centros...” sinala Manolo Dios. “A modificación de conductas e actitudes é moi lenta. A transversalidade, sendo obrigatoria, é tanxencial no sistema educativo”, recoñece. “Pero si que percibimos avances alí onde hai un traballo sistemático e permanente. De calquera xeito, queda moito por facer.” A pesar das dificultades, esta organización desenvolve na actualidade o seu traballo en máis de douscentos centros de ensino de todo o país, sen contar o resto das súas actividades.

Recoñecementos internacionais
As actividades do seminario valéronlle nestes anos varios premios a nivel internacional. Deste xeito, un traballo sobre a tolerancia fíxose o I Premio en Investigación en Ciencias Sociais convocado por Bancaixa. Ademais deste levaron premio Xustiza e Sociedade, o León Felipe pola Paz, o Mensaxeiro da Paz da UNESCO ou o premio de promoción de conductas tolerantes da Consellería de Educación pola experiencia “Educar para a paz, globalmente”. Aínda unha boa lista de recoñecementos que dá a idea da importancia que ten o traballo do Seminario. As relacións internacionais do colectivo non rematan aí, e o seminario participa na coordinadora estatal de grupos de educación e investigación para a paz AIPAZ, e do Comité Asesor Internacional de Educación para a Paz, AIEP. Tamén forma parte do Hague Appeal for Peace e da rede internacional Trascend.

Cine de paz
Entre as propostas anuais do seminario, neste curso 2003-2004 celébrase o II Ciclo de Cine e Conferencias “Cultura de paz para un novo milenio”. Este ciclo analiza, a través de diferentes filmes apoiados por conferencias, aspectos concretos da cultura de paz. Desde o dezanove de novembro, data de inicio do programa, ata o trinta e un de marzo, en que se proxecta o último filme, seis prestixiosos conferenciantes achegarán a súa visión sobre esta cuestión. Deste xeito. Baltasar Garzón, Suso de Toro, Manolo Rivas ou o filólogo José A. Marina enfirán os seus discursos no día seguinte da proxección dos filmes “Matar un reiseñor”, “Hoxe comeza todo”, “A lingua das bolboretas” ou “A tapadeira”.

Proxectos
Coincidindo co Ano Santo do 2004 o Seminario ten previsto organizar o I Foro Internacional sobre Educación e Cultura de Paz co tema “Sociedade, Cultura e Relixión”. Será aproximadamente nun ano, a finais do mes de novembro. Ademais deste proxecto, veremos o seminario en novas edicións do Día Escolar pola Paz (o 30 de xaneiro), a entrega dos premios Portapaz e Contrapaz e novas etapas da exposición itinerante sobre cultura de paz en Galicia que o colectivo move de xeito gratuito por diferentes centros de ensino. E o camiño continúa.