Pablo Dopazo triunfa en Cans con 'O frío'

O festival remata a súa XXIª edición entregando os seus premios

O festival remata a súa XXIª edición entregando os seus premios
Posado de premiados do XXI Festival de Cans 2024
A curta 'O frío' do director Pablo Dopazo foi elixida polo xurado do Festival de Cans como gañadora na sección de Ficción e Dopazo ademais obtivo o premio ao Mellor Director. Unha vez coñecido o palmarés desta edición, ao final do festival resultou o filme de Dopazo como o máis premiado xa que tamén levou o galardón ao Mellor Actor polo papel interpretado por José María Sanjurjo. A curta 'O frío' foi premiada polo xurado polo súa capacidade para "facer sentir a distancia, o desafecto e o frío". O filme. Inspirado nunha historia real, ten como protagonista a un home que traballa nun mercado de abastos dunha cidade galega e un día recibe unha chamada que perturba a súa vida normal e fai que o pasado volva. O Premio do Xurado dos Veciños e Veciñas á Mellor Curtametraxe de Ficción/Animación foi para 'Aquarium' da realizadora italiana afincada en Galicia Marguerita Morello.


O FRÍO_TRÁILER from FESTIVAL DE MÁLAGA on Vimeo.



Xa no apartado de Animación o premio do xurado foi para 'Alguén me chamou Serpe Negra', que conta con guión e dirección de Borja Santomé, quen xa obtivera un premio en Cans en 2018 coa curta 'El reloj'. O premio AISGE á Mellor Actriz nesta edición de Cans foi para o protagonista da curta 'Nai', Andrea Vilariño, mentres que o filme 'To bird or not to bird', do realizador e guionista Martín Romero, obtivo dous galardóns, o premio AGAG polo Mellor Guión e o premio Gadis á Mellor BSO. Esta peza xa foi premiada na última edición dos Goya como Mellor Curta de Animación. 'Ruovesi', a curta da directora e guionista Andrea Zapata, recibiu o premio RC Service á Mellor Fotografía.

Na sección Furacáns (Non Ficción) a curta gañadora foi 'Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa', unha peza con guión e dirección do boirense Daniel Pérez Silva. O filme está composto por imaxes do arquivo familiar do realizador, quen relaciona o pasado co presente para dar conta dos cambios que se producen nas relación familiares. O xurado destacou o seu achegamento "tan emotivo como penetrante ao continuum temporal dunha familia". No apartado de Novas Camadas, que distingue aos realizadores menores de 25 anos, a curta gañadora do Premio Deleite foi 'Taquión', con guión e dirección de Miguel Barcia. É un relato de ciencia-ficción que combina vídeos caseiros con fotogramas impresos e escaneados que suxiren a distorsión dos recordos. O xurado destacou a aura de misterio dun filme con ecos "do mellor David Lynch".