A Academia Galega de Ciencias outórgalle o seu Premio de Divulgación a Elena Vázquez Abal

A matemática desenvolve unha intensa promoción da cultura científica na nosa lingua

A matemática desenvolve unha intensa promoción da cultura científica na nosa lingua
Elena Vázquez Abal. Fonte: RAGC
O Premio RAGC de Divulgación Científica 2024 foi para a investigadora Elena Vázquez Abal, matemática da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Así o anunciaba este 6 de maio a Real Academia Galega de Ciencias, que salientou que o galardón se outorgou por unanimidade e que supón "un recoñecemento ás mulleres divulgadoras e, ademais, á divulgación feita en galego".

Segundo sinala a institución, o labor divulgativo da galardoada "abrangue todos os ámbitos e niveis, desde a universidade aos bares, desde a xente maior aos máis pequenos". Entre os seus proxectos neste campo están ciclos como Unha andaina polas matemáticas ou, canda a Xurxo Mariño e Casto Rivadulla, os encontros Que pasaría se xuntásemos nun bar a..., que reuniu nomes da actuación e da ciencia en diferentes localidades do país.

Ademais, a RAGC destaca que "desenvolve unha grande actividade divulgadora organizando exposicións, ciclos de conferencias, obradoiros sobre divulgación matemática, concursos fotográficos e audiovisuais, xunto a actividades para alumnado e profesorado de Secundaria".

O xurado desta xeira do premio estivo composto polos académicos da RAGC Ángel Carracedo, Antón Álvarez, Antonio Rigueiro, Juan José Nieto e Pilar Bermejo.